domingo. 07.06.2020 |
El tiempo
domingo. 07.06.2020
El tiempo

SUSANA BAYO BESTEIRO

"A perda de biodiversidade fainos máis débiles fronte ás zoonoses"

Susana Bayo Besteiro
Susana Bayo Besteiro
A física de Guitiriz impulsa e coordina actividades de divulgación no eido do cambio climático

Licenciada en Física e especializada en atmosfera e medio ambiente, a guitiricense Susana Bayo traballa no eido dos servizos climáticos e forma parte, como investigadora predoutoral, do grupo EPhysLab da Universidade de Vigo. Teletraballando dende o seu confinamento coa familia, en Ourense, bota de menos ir a Guitiriz e visitar a seus pais, aos que leva tres meses sen ver, e tamén "correr polos sendeiros do río".

Expertos din que o quecemento global contribúe á expansión de patóxenos, hai relación entre o coronavirus e o cambio climático?

O que cientificamente está demostrado é que a perda de biodiversidade nos fai máis débiles fronte ás zoonoses (infeccións dos animais). Unha contorna na que se manteña a biodiversidade é unha moi boa defensa contra este tipo de pandemias. O aumento das emisións de gases de efecto invernadoiro nos últimos 200 anos fai que esteamos provocando un aumento da temperatura media que ocasiona a crise climática que xa estamos a vivir, que ten como consecuencia unha perda de biodiversidade. De non cambiar este comportamento co planeta, tan esquilmador dos seus recursos, cada vez estaremos máis expostos a este tipo de pandemias.

Hai moitas teorías sobre a orixe do coronavirus, de onde cre que veu?

Creo na ciencia. Traballo nela e vexo o que custa sacar adiante un artigo científico. Hai que ser moi rigoroso co que se escribe e ademais están minuciosamente revisados por científicos sempre especialistas do campo a tratar. A ciencia o que demostrou é que este virus procede dos animais.

Cre que é posible que volvamos a ter que confinarnos, a solución pasa por unha vacina?

Eu non son pitonisa (ri). Os expertos din que son posibles os rebrotes e que dende logo a vacina e a solución máis eficaz. Se somos responsables e conscientes de que nos xogamos moito creo que non deberiamos ter que volver a confinarnos ou alomenos en todas as rexións e de xeito xeral. Pero deberemos adaptarnos a esta vida un chisco diferente á de antes por un bo tempo.

A maior caída de emisións da historia, peixes en Venecia, Madrid sen nube..., a corentena proba que a contaminación se pode reverter ou é un espellismo?

Estamos a facer un experimento co planeta. Reducimos as emisións de xeito drástico. Sobre todo, os que vivimos nas cidades, volvemos a desfrutar de rúas sen vehículos a motor, un aire limpo, o canto dos paxaros... e vimos que é posible, agora é preciso non volver a anterior normalidade e facer un camiño novo respectuoso co planeta.

Veo factible ou volverase ao mesmo?

Pode ser que o coronavirus espertase unha conciencia ‘verde’? Sei que hai moitas administracións e responsables de gobernos que cren que a saída só pode ser verde, para esto é prioritario que as medidas de impulso económico vaian neste senso, priorizando o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible. Temos que ser conscientes de que nós formamos parte da natureza, dependemos dela e polo tanto o seu coidado é esencial para vivir nela de xeito saudable. Tomar outro camiño cunha visión curtoplacista levaríanos a crises moito maiores.

É este o momento de apostar por humanizar as cidades?

Moitas xa emprenderon ese modelo hai tempo e agora vese que non teñen problema para pór a disposición dos cidadáns o espazo libre para manter o distanciamento. Outras están apurando medidas para ampliar o espazo para os peóns, as bicicletas e o transporte público. Se algo vimos estes días é que se se quere, pódese.

Hai uns días moderou un encontro virtual sobre cidades sostibles nunha serie de seminarios sobre o cambio climático, que actuacións serían necesarias?

Ser sostible é un xeito de vida e para poder levalo a cabo é preciso que a cidade onde se vive permita ese xeito de vivir. Para conseguilo hai unha serie de accións prioritarias: mantemento da biodiversidade nos bosques e espazos verdes que rodean a cidade, unha correcta xestión da auga, promover a economía circular e a alimentación de quilómetro cero. As persoas deben estar no centro da vida das cidades e débese promover unha mobilidade que sexa amable coas mesmas, vivendas cos tellados verdes, placas solares nos edificios, etc.

Coa crise sanitaria reduciuse a contaminación, pero tamén hai novos residuos, como guantes ou mascarillas...

Xa me dei conta ao principio que esto ía xerar moitos máis residuos. A nosa defensa volve a ser novamente facer dano á nosa contorna. Neste momento son precisos e hai que protexerse, pero o que non é permisible é que vexamos polos parques e montes guantes e mascarillas no chan. Debemos ser máis responsables e actuar sabendo que unha contorna limpa é a que nos vai salvar de futuras pandemias.

"A perda de biodiversidade fainos máis débiles fronte ás zoonoses"
Comentarios