lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

Un percorrido polo pasado baixo a auga

undefined
Senda da Memoria, nas Pontes. C.ARIAS
A Senda da Memoria permite bordear parte do xigantesco lago artificial pontés. O obxectivo, co tempo, é abrir todo o perímetro 

O enorme lago artificial coas súas augas cobre hoxe de azul anos e anos de explotación de negro carbón nun verde e fértil val no que desapareceron moitos lugares, que hoxe só existen no recordo de algúns. 

A Senda de Memoria, un espazo que mestura natureza e industria, pretender ser, como anuncia o seu cartel de entrada, un percorrido polo pasado destes lugares e unha loita contra o esquecemento porque "a memoria non pode expropiarse", algo que si se fixo en moitos lugares das parroquias da Vilavella, Espiñaredo, Seoane ou Goente.  

Senda da memoria 2O camiñante, cos seus pasos bordeando a auga, coñecerá un espazo restaurado e transformado nun ecosistema de grande biodiversidade como é o lago, e, ao mesmo tempo, situará algúns dos lugares dese pasado hoxe baixo a auga. 

Ao longo do camiño, de pouca dificultade e cada vez máis transitado tanto por xente a pé como en bici, o visitante poderá atopar varios puntos de información con fotos antigas, mapas de situación, algún punto de descanso e diversas panorámicas perfectas dese horizonte azul enmarcado hoxe pola central térmica que quizais pronto deixe de formar parte da imaxe. 

Senda da Memoria  (9)

O lugar
A Senda da Memoria discorre por parte do perímetro do xigantesco lago artificial das Pontes, que ocupa o lugar da antiga mina de lignito, a máis grande de España. 
Como chegar 
A senda pode inciarse dende dous puntos. Á dereita da praia está o primeiro tramo, de 8,3 quilómetros. Á esquerda acaba de inaugurarse o segundo, de 1,5. O obxectivo é abrir todo o perímetro (18 quilómetros). 
Curiosidades
Ao longo do percorrido un pode desviarse para ver a Castrorroibo, un ser mitolóxico que vixía dende o alto o enorme espazo azul. 

Un percorrido polo pasado baixo a auga