Penas de Rodas homenaxea aos seus primeiros mestres de danza

Carmiña Álvarez e Alfonso Outes recibiron o agarimo de exalumnos e amigos na popular romaría promovida pola asociación cultural

Un dos grupos que se xuntou en Penas de Rodas. XESÚS PONTE
photo_camera Un dos grupos que se xuntou en Penas de Rodas. XESÚS PONTE

Os sons e bailes tradicionais volveron ser este domingo protagonistas, un ano máis, da romaría popular que promove a asociación Penas de Rodas no máxico enclave do mesmo nome en Gaioso, en Outeiro de Rei. E fórono por partida dobre, xa que ás variadas actuacións se sumou a homenaxe que recibiron Carmiña Álvarez e Alfonso Outes, quen durante moitos anos foron mestres de danza do colectivo organizador.

Como agradecemento, a entidade confioulles o honor de pronunciar o pregón desta edición da romaría, un acto no que estiveron arroupados por exalumnos, familiares e amigos.

Eles, xa xubilados, seguen a descubrirlles os segredos da danza tradicional aos seus novos alumnos en Vigo, onde están asentados dende hai anos, pero comprobaron que segue moi vivo o seu legado en Outeiro de Rei. Carmiña, que tomou a palabra polos dous, agredeceu todo o cariño que recibiron e rematou o pregón bailando ao ritmo que lle marcaba a escola de gaitas e percusión de Penas de Rodas.

Ese foi o acto máis emotivo dunha xornada que contou cunha concorrida comida campestre e tivo un novo atractivo: unha feira de artesanía con demostracións en vivo.

Así, quen se achegou ata a área recreativa de Penas de Rodas puido gozar do traballo de canteiros, artesáns da madeira, do coiro e de moitas outras disciplinas. Reuníronse máis dunha vintena de expositores, que remataron a xornada sorteando, como agradecemento polas compras nos seus postos, unha televisión e unha estancia nun spa.

A romaría deixou varias actuacións, como as dos músicos do colectivo organizador, o grupo tradicional Sons da Chaira, Airiños de Orbazai ou, na sesión vermú, o dúo Estrellas. Tamén houbo xogos populares e, xa preto do remate da festa, actuaron os integrantes da escola de teatro de Penas de Rodas. Todos os actos programados contaron con moi boa acollida, segundo destacaba pouco antes do peche da cita Manuel Álvarez, un dos organizadores.

Ademais de resaltar esa cálida homenaxe aos mestres de danza, Álvarez tamén resaltou que este ano acudiron á cita, como nos seus inicios, un numeroso grupo de radioafeccionados, varios deles chegados de Asturias. De feito, recordou que a romaxe, que onte cumpriu 39 anos de vida, naceu precisamente impulsada por afeccionados á radio.

Comentarios