Peña Bebel: Unha afección con memoria

Un grupo de seareiros do Deportivo da Coruña vén de crear unha nova peña en Guitiriz coa que se lembra a un dos Irmáns da Lexía apresado en Santa Mariña en 1936
Integrantes da Peña Bebel, con Selva García. RAÚL RÍO
photo_camera Integrantes da Peña Bebel, con Selva García. RAÚL RÍO

A afección deportivista vén de vello en Guitiriz, pois xa hai anos había unha peña bautizada como Cova da Serpe. Os seareiros actuais, seguindo esa vella estela, veñen de crear unha nova entidade, coa que ademais queren homenaxear a un antigo xogador do Real Club Deportivo da Coruña, Bebel García, represaliado en 1936.

A tráxica fin deste futbolista, cando apenas superaba a vintena, está tristemente vencellada á parroquia de Santa Mariña de Guitiriz, onde fora apresado xunto aos seus irmáns, France e Jaurés, coñecidos todos eles coma os Irmáns da Lexía polo negocio que rexentaba a súa familia na Coruña. 

O feito de que na parroquia guitiricense se estea a recuperar a súa memoria fixo que os promotores do colectivo apostasen por sumarse a esta homenaxe. Nacía así a Peña Deportivista Bebel de Guitiriz, presidida por Suso Figueira e en cuxa directiva tamén figuran Marcos Alvariño González (vicepresidente), Xosé Lois González Souto, ‘Pereira’ (tesoureiro), Patricia López Fraga (secretaria), e Chito Corbelle Gonzalo Varela  (vogais). 

A nova entidade, que prevé ir ver os partidos a Riazor e organizar viaxes aos encontros de fóra, suma ao redor de 40 socios

A razón trala creación da entidade tamén é sinxela. Hai afección. "Decidimos crear a peña porque no último partido que xogou o Deportivo na casa fletaramos un bus unhas 20 persoas para ir velo e este ano pensabamos en xuntarnos e darlle regularidade", precisa o presidente, que avanza que polo momento xa contan con 40 socios, dos que a metade teñen tamén carné deportivista.

Completar todos os trámites, ir a Riazor cando haxa partido na casa e viaxar co equipo cando sexa posible son os obxectivos da  nova peña, dende a que animan a calquera seareiro da zona a facerse socio. O único requisito, ademais de sentir as cores, é abonar unha cota de 30 euros, co que se recibe de agasallo unha bufanda.

Mentres pensan nas iniciativas que van organizar nos vindeiros meses, non se esquecen de darlle as grazas á súa madriña oficiosa, Selva García —filla de Pepe, irmán de Bebel que fuxiu a Arxentina—, coa que todo foron facilidades. Non só non lles puxo pegas para usar o nome de seu tío, senón que mesmo lles ofreceu o uso dun local na Coruña.

Comentarios