"A película trata temas que repercuten ata os nosos días"

A segunda sesión da Invernada de Cine de Cabreiros, que se celebra este sábado 19, ás 18.00 horas na antiga escola desta parroquia xermadesa, permitirá descubrir a historia de ‘A virxe roxa’, obra de Marcos Nine
O director Marcos Nine. MARIO LLORCA
photo_camera O director Marcos Nine. MARIO LLORCA

Que pode contar sobre a peza?
É unha película bastante complexa que conta a historia de Aurora Rodríguez Carballeira e da súa filla Hildegart. Ela quixo concebila como a redentora das mulleres e do proletariado a principios do século XX. Hildegart resultou ser unha nena prodixio. Estudou varias carreiras, entre elas Medicina, Dereito ou Filosofía e Letras, foi congresista polo Partido Socialista con apenas 14 anos e unha pioneira nos estudos de sexoloxía a nivel mundial. Cando se fixo maior e se quixo independizar a nai non o soportou e pegoulle cinco tiros.  

Que temas aborda a película?
A partir da historia de Aurora e Hildegart podemos falar do que supuxo o impacto da revolución industrial, o feminismo ou o movemento obreiro e outros movementos progresistas. Podemos contemplar esa época e ver como moitas cuestións repercuten aínda nos nosos días.

A historia ten conexión chairega?
Si, aínda que non se recolle na película, cando estiven co traballo de investigación atopeime nunha publicación de Rosa Cal que as raíces maternas de Aurora estaban en Xermade. Seu avó, Diego de Carballeira y González, que estaba casado con Josefa López Seco, era un tipo que traballaba ben a madeira. Era ebanista e colleu sona moi rápido. Marchou para Ferrol e despois para Madrid. Traballou no Museo Militar da Marina e acabou facendo mobles para a corte real.

E como foi o proceso de creación?
Como non tiñamos imaxes, vinme unhas 2.500 películas da época. Fun escollendo algunhas descontextualizadas para poder montar a historia. A primeira versión do guión levounos un ano e medio. E despois do visionado xuntámonos con 600 horas de material, o que supuxo uns sete meses moi intensos de montaxe. Ademais, o proceso pillounos no medio da pandemia, e iso impediunos facer algunhas entrevistas, que van intercalando as imaxes de época.

"Vin unhas 2.500 películas da época e fun escollendo algunhas imaxes descontextualizadas para poder montar a historia"

Era a primeira vez que traballaba coa técnica do remontaxe?
Non, na película anterior ‘A viaxe de Leslie’ tamén o fixen, pero naquela ocasión empreguei imaxes das películas nas que saia o protagonista da historia, o actor Leslie Howard, e descontextualicei os diálogos para poder empregalos.

Tampouco é a primeira vez que pisa terras chairegas. Colaborou coa Uned Sénior Terra Chá. Manten o vínculo?
Hai tempo que non polo meu traballo, que non é estable e vaime levando dun sitio a outro. Pero recordo cando empecei a colaborar con eles, foi antes incluso da creación da Uned Sénior, co Consello de Anciáns. Boteilles unha man para tratar de conservar retazos do saber da xente. É un traballo moi importante, especialmente no mundo rural, que se debería estender. A escolma, a recompilación e a conservación de saberes.

Que proxectos de futuro hai?
Estou escribindo o guión para unha serie de Amazon que se estreará o ano que vén. E tamén estou preparando a seguinte película que tratará de profundizar na historia de José Couso. Vanse cumprir 20 anos da súa morte e coa distancia que dá o tempo, creo que poderemos abordar o caso desde distintas perspectivas. Dende a familiar, por suposto, pero tamén dende o xornalismo en xeral e o de guerra en especial, sobre política... É unha historia con moitas aristas e cunhas repercusións moi graves.

Comentarios