sábado. 19.06.2021 |
El tiempo
sábado. 19.06.2021
El tiempo

A pegada do bandoleiro

Mural de Nove Noel nas Pontes e imaxe do verdadeiro Toribio. EP
Mural de Nove Noel nas Pontes e imaxe do verdadeiro Toribio.
Foi o bandido galego con máis sona do século XX. Nado nas Grañas do Sor en Mañón, e capturado no Freixo, nas Pontes, Mamed Casanova pode ser un descoñecido para moitos pero á súa figura cobra forza na literatura ou en proxectos como o As Pontes enPezas

PESE A QUE DURANTE ANOS foi protagonista da prensa escrita, e as súas andanzas encheron páxinas e páxinas, cada vez son menos os que recordan a figura real de Mamed Casanova. O bandoleiro, que daría para a mellor serie negra do catálogo actual de Netflix ou HBO, sobrevive ao paso do tempo entre a realidade e a lenda que foi deixando tras de si. Pero nos últimos tempos a súa pegada cobra forza a través da literatura, o teatro ou de proxectos como o As Pontes EnPezas.

Na céntrica Praza do Carme pontesa Toribio, como así o coñecían, preséntase –e intégrase na vida cotiá– cos seus símbolos, tan icónicos para un gran guión: o traxe de indiano que levou a unha festa con 16 anos despois de roubarllo a un morto que el mesmo desenterrou no cemiterio e a pega que dicía ter amaestrada para avisalo de cando se achegaba a Garda Civil. Tamén leva o revolver, agochado preto dese Date Toribio, co que a memoria colectiva recorda que o mandaron deter antes de ferilo ao pegarlle un tiro.

Porque na historia de Mamed Casanova hai moito de memoria e feitos documentados, pero tamén de lenda aderezada con grandes crónicas maquilladas dende a distancia. Uns falan dun bandoleiro intelixente e con certo aire romántico que se revelou á autoridade. Outros, dun criminal vítima da situación de fame e dureza que atravesaba a Galicia da época, a cabalo entre dous séculos, e algúns dun simple rateiro. Hai ocos baleiros e algúns enigmas.

Toribio, "un home ben parecido e moi lanzado", naceu en 1882 en Grañas do Sor, en Mañón. Fillo de nai solteira, tivo unha forxa pero destacou por meterse en pequenas leas, primeiro, máis grandes despois. Escapaba con facilidade da Garda Civil –burlaba aos axentes facendo que traballaba no campo ou no muro dunha casa–, tiña boa puntería e unha habilidade incrible para fugarse dos cárceres. Fuxiu de varios.

En 1900, cando estaba en rebeldía escondido nos montes foi acusado, xunto a outros, de matar a Manuela Domínguez, a criada do cura de Mañón, tras participar nun roubo na casa reitoral. Sempre o negou, e moitos póñeno en dúbida, pero si se sabe que asasinou a outro preso nunha cárcere.

A súa última captura, a definitiva, foi nas Pontes, tras unha trampa orquestrada polo cura do Freixo, o vilalbés Antonio Prieto. Tras un xuízo mediático, case novelado, en 1903 condénano a pena de morte pero finalmente conmútaselle por cadea perpetua -tope de 30 anos- despois de que a súa nai llo implorase a Alfonso XIII nunha visita a Santiago.

"Todo o mundo quere saber o final de Toribio pero non se sabe. Tiña desexos de irse a América. Debeu de saír do cárcere en 1928 tras unha cadea perpetua e é posible que voltase á Grañas. Debeu traballar no ferrocarril e pérdeselle a pista. Non hai nada nos cemiterios de Mañón e hai quen pensa que desapareceu polas Rías Baixas. Veu a República, a guerra... hai xente que se perde. Non creo que chegara á posguerra", di Hixinio Puentes, o autor de O bandido Casanova, unha biografía novelada publicada polo ano 2000 sobre o bandoleiro con máis sona de Galicia no século XX. E alí, no mesmo concello onde foi capturado por última vez, o bandoleiro segue presente nun mural de Nove Noel.

Monicreques mañá para recordar a Toribio

A compañía Viravolta Títeres, de Lalín, representará mañá na Casa Dopeso a obra Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón. Será ás 18.00 horas. "Xa hai anos que a facemos, dedicámonos a monicreques populares e de cachiporra. Fixémola centos de veces e en diferentes versións como un teatriño itinerante", di Julio Balado, que explica que Toribio foi "un personaxe que sempre nos chamou a atención e que ten moito que ver co teatro".

Valle-Inclán e Emilia Pardo Bazán
Autores de renome firmaron crónicas na época sobre Toribio nos xornais máis importantes. Valle-Inclán inspirouse nel para ‘El terno del difunto’. E houbo coplas anónimas e contos sobre as súas andanzas.

Outras obras
Hixinio Puentes publicou O bandido Casanova e un par de anos despois o guionista Manolo López Poy e o debuxante Miguel Fernández sacan un cómic: Mamed Casanova. El hijo de la ira.

A pegada do bandoleiro
Comentarios