RECUNCHOS A DESCUBRIR

Pedregal de Irimia: O imaxinario galego ao carón do pai Miño

Natureza, ciencia, simboloxía, cultura, creación e turismo únense nun espazo máxico e que impresiona a todo aquel que o visita por primeira vez
imgData
photo_camera Pedras baixo as que saen ducias de fontes e dan lugar ao río Miño. M.ROCA

Hai lugares máxicos e atraíntes, e o Pedregal de Irimia, en Meira, sen dúbida é un deles. Aúna natureza, ciencia, simboloxía, tradición oral, cultura, creación e turismo. Non hai persoa que non chegue aquí por primeira vez e non se maraville coa paisaxe e as súas connotacións.

imgData

Impresionan os centos de pedras, cuarcitas na maioría, que semellan colocadas froito do azar tras rodar ladeira abaixo. Pequenos, e non tan pequenos, non poden resistirse a agatuñar por elas, mentres escoitan o bulir da auga das ducias de fontes que emerxen debaixo delas.

Proceden dunha morrena periglacial, de fai entre 10.000 e 20.000 anos, pero as lendas da meiga Irimia, a vella que gardaba o gando no monte ou uns homes pecadentos dunha raza maldita dan queren dar a coñecer outras orixes deste río pétreo.

imgData

As esculturas ‘O Pregoeiro do Tempo’ ou ‘O Altar de Prisciliano’, do artista meirego Manuel Pardo, son uns exemplos in situ da inspiración que se respira no lugar, ao que o poeta Avelino Díaz dedicou numerosos versos.

Tampouco falta a reivindicación cultural e de identidade, ao carón do pai Miño, coa celebración da Festa da Afirmación e Dignidade, que celebran en setembro Xermolos e a Irmandade Manuel María.

Localización
Desde o centro de Meira, hai que ir pola estrada que pasa á esquerda da igrexa de Santa María. A uns 2,5 quilómetros, en plena serra, emerxe o Pedregal de Irimia.
Curiosidades
O río Miño nace a 620 metros de altitude e percorre 343 quilómetros ata chegar ao Atlántico. É o segundo río máis caudaloso da Península Ibérica e todo o seu curso alto está declarado Reserva da Biosfera.
Natureza
Neste punto comeza a ruta de sendeirismo Miño-Eo, de 17,2 quilómetros e que percorre as dúas ladeiras da Serra de Meira.

Comentarios