lunes. 01.06.2020 |
El tiempo
lunes. 01.06.2020
El tiempo

MURAS

Pedras soterradas de historias pasadas

San Pedro de Muras. MARTA MANCEBO
San Pedro de Muras. MARTA MANCEBO

O castelo de Muras, do que practicamente non queda na en pé e apenas hai documentación histórica máis alá dun breves apuntes, é o que protagonista das lendas máis enigmáticas dunha vila pétrea 

Poboación
É un dos concellos da comarca con menor poboación. Hoxe son só 648 os veciños que residen no municipio, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística.
Vista atrás
A localidade presume de contar con media ducia de xacementos do final do Paleolítico Superior, entre eles o Abrigo de Vidal na Fraga do Inferno ou o Chan de Cruz, na serra do Xistral. 
Curiosidades
Muras, coñecida como a terra dos tres ríos, ten un gran ecosistema fluvial e está rodeado polo Eume, o Sor e o Landro. Os amantes da pesca atopan nestas frías augas un gran reclamo.

CONTAN AS LENDAS que nun burato do castelo de Muras, entre o Couto Mouro e Someiro, vivía unha cobra xigante con ás. Este ser mitolóxico, que evoca os dragóns que botaban lume pola boca nos contos de fantasía, era feroz e perigoso e enchía sen piedade o bandullo en canto tiña ocasión. 

Así o recolle a tradición oral, que narra varios episodios sobre as mortíferas prácticas deste ser alado. Unha desas historias asegura que a citada cobra comeu un boi enteiro dunha soa vez e noutra un home que estaba apañando nos toxos. Sen pestanexar e dunha soa tacada. 

Esas mesmas voces do imaxinario popular tamén contan que cando tiña sede saía polo burato do Someiro e botábase costa abaixo, enrodelada e coa cola na boca, ata o Rego dos Corvos. Facíao por un sinistro túnel que tamén servía de vía de escape en caso de que o castelo fose asediado.
Estas e outras historias sobre este curioso personaxe lendario permanecen aínda vivas nas poucas pedras que soportan o paso do tempo nesta fortaleza medieval chairega, unha edificación repleta de enigmas e da que nin tan sequera hai documentación. 

Só existen uns breves apuntes históricos de Vicente Otero, nos que se recolle que no século XII xa se facía mención á "Casa Fuerte de Muras" e á "fortaleza que ha existido donde hoy llaman Fraga do Castel".

Foi, segundo a pouca información que hai, unha fortaleza de tipoloxía militar que pertenceu no século XII ao Conde de Lemos e, posteriormente, en torno ao XV, ao Mariscal Pardo de Cela. O resto da historia é todo un misterio.

A súa ubicación tampouco é especialmente accesible, o que fai que os restos do xacemento que aínda permanecen en pé non sexan moi visitados —o Concello trata de redescubrilo e convertilo nun dos emblemas da vila, e con ese propósito fixo varios investimentos económicos nos últimos tempos—.

Pese ás dificultades para chegar a el —está nun alto—, durante anos foi espazo de xogos para os pequenos da vila, e mesmo o curioso lugar onde se facían as tradicionais merendas pola festa de San Pedro, o patrón de Muras. Hai moito, moito tempo. 

Pero todos aqueles que acudiron nalgunha ocasión ata este emprazamento, sempre tomaron certas precaucións. E é que moitos rememoran como os pais e os avós, guiados polas historias e lendas populares, advertían dos perigos que se podían atopar. E é máis, ata lles prohibían aos máis pequenos adentrarse nun suposto túnel que unía a fortaleza co río. Sería o agocho da cobra alada?

Lonxe das lendas, a realidade é a que é. A simple vista non queda nada do que un día foi, polo menos aos ollos dos veciños. Os arqueólogos, pola contra, rebaten esta afirmación logo de facer algunhas prospeccións sobre o terreo.

Catro especialistas da firma A Citania Xestión de Patrimonio, encabezados polo arqueólogo Israel Picón, lograron descubrir novos elementos arquitectónicos no contorno do castelo murés. Dándolle un pulo máis a un emblema enfeitizado e con moitos encantos máis por descubrir.

Así, atoparon a base da Torre de Homenaxe, "de dez metros por dez metros e bastante alterada", e dous foxos que non estaban catalogados por Patrimonio, ademais de varias estruturas anexas e outro torreón con dous parapetos máis na parte leste. E todo sen facer grandes escavacións, tan só retirando a maleza. 

Quizais se se realizase unha investigación máis profunda e exhaustiva podería aparecer o esquelete do dragón ou mesmo indicios da existencia dunha princesa, un bo xeito de completar o conto.
Bromas aparte, Muras está por moitas razóns vencellada a esas pedras soterras de historias pasadas. A propia definición etimolóxica do nome do municipio podería vir, segundo explican os expertos, de murias, o plural do latín muria ou conxunto de muros.

Precisamente aí, nas paredes dalgunhas das vivendas da vila é o lugar onde foron a parar as pedras que noutro tempo erixiron o maxestoso castelo medieval, e que hoxe soportan o peso dunha historia por completar. Porque, quen di que non sería posible que o espírito do feroz ser alado permaneza aínda vivo nalgunha desas pedras espalladas polo concello. Hai alguén que se atreva a adiviñar en cal?

CO OLLO ABERTO
Mirador. Na Paleira está situado o mirador da Gañidoira, un enclave a máis de 700 metros de altitude que permite gozar dunhas vistas privilexiadas dos montes da Xestosa, Guriscado, Curuxeira ou O Cadramón.
Poldro e Gando. Os montes da Gañidoira son o escenario a finais de setembro dunha feira na que se ensalza o gando cabalar e bovino, e que nas últimas edicións incluíu degustacións da saborosa carne de poldro.
CANCIONEIRO
Cantiga. "Eu fun pescar a Muras/ pesquei unha muranesa/ Eu fun pescar a Muras/ pesquei unha muranesa/ Ai la la lá/ la la lá/ Si a pesquei fixen moi ben/ Si a pesquei fixen moi ben/ Durmín con ela na cama/ Ai la la lá/ la la lá/".
Banda de gaitas. Durante anos a banda de gaitas de Muras exerceu de embaixadora e levou o nome do concello polo mundo adiante.
POR ESCRITO
Xornalismo. A principios do século XX chegou ata a vila de Muras o primeiro automóbil-correo, o que propiciou un rexurdir cultural, que se forxou co nacemento en 1914 do xornal O Eco Murense e, un ano despois, con El Progreso Murés.
Antía Cal. A pedagoga nada en Cuba que lle dá nome ao colexio, e que foi nomeada filla adoptiva, é a autora de O libro dos nenos. Enciclopedia pro neno galego ou Arte para os nenos. Foi unha muller emprendedora e pioneira.
Riguera Montero. Os irmáns Riguera Montero, cun fondo sentimento galeguista, traballaron en diversos colectivos na diáspora e promoveron a ensinanza a un e outro lado do océano. Un deles, José María, formou parte da RAG.
CON MOITO GUSTO
Mel de montaña.  Dende o ano 2015 novembro é o mes máis doce, coa celebración da Feira do Mel de Montaña. A apicultura é unha das potencialidades do municipio.
para sentir
Romaxe Artesá da Chaira. A finais de maio os obradoiros e as exhibicións en vivo, xunto coa música en directo e venda de todo tipo de produtos enchen de tradición e artesanía a área recreativa da Veiga.
CANTO CONTO
A moza e o demo. Conta a lenda que no Viveiró había unha moza que ía a todas as festas e cando lle preguntaban con quen bailaba sempre repetía que o facía co demo.
Emigración. Nos séculos XIX e XX moitos veciños marcharon a Cuba. Froito desa emigración naceu La Unión Murense de la Habana en 1924, orixe dunha celebración que chega ata hoxe: a da Virxe do Cobre, patroa da illa caribeña.
Cruces. Hai espalladas polo termo municipal de Muras 94 cruces. Unha das máis curiosas colocouse na honra de Vicenta Balsa, que faleceu nunha nevarada.
 

 

Pedras soterradas de historias pasadas
Comentarios