Pedra, madeira e música unidas polas mans de dous artesáns

Clara Naseiro e José Gómez de Bernardo crearán unha peza esta fin de semana na feira de artesanía Vilalba Feita a Man, centrada este ano na música e baile tradicional galego
Clara Naseiro e José Gómez de Bernardo, 'Pepón'. M.ROCA
photo_camera Clara Naseiro e José Gómez de Bernardo, 'Pepón'. M.ROCA

A feira de artesanía da capital chairega regresa esta fin de semana tralo parón pola pandemia e faino estreando logo, nome e novas actividades na súa programación. 

Así, a convocatoria Vilalba Feita a Man chega de novo ata a Praza da Constitución co obxectivo nesta edición de render tributo á música e ao baile tradicional. 

Os visitantes poderán ver os produtos dunha vintena de artesáns chegados de distintos puntos de Galicia, pero tamén o traballo de varios deles en directo. Un exemplo son os vilalbeses Clara Naseiro e José Gómez de Bernardo, Pepón, que se unen para crear unha escultura na que se fará referencia á temática da feira deste ano. 

"Fixemoslle a proposta ao Concello, para darlle un enfoque diferente ás demostracións que se fan nas feiras. Facer algo máis profesionalizado, poñendo máis en valor a vea artística e que se vexa un resultado final", explica Clara Naseiro.

Ambos engaden que lles encanta traballar con "elementos primarios naturais" e que a peza levará granito da zona e madeira de buxo. "Estudamos un deseño conxunto, que nos levou a unha composición dun instrumento tan versátil como a pandeireta, tocada por unha man coa experiencia do buxo", apunta Clara.

A feira Vilalba Feita a Man contará tamén con dous obradoiros de baile a cargo de Montse Rivera, de Leilía, o sábado ás 17.00 e ás 18.00 horas, e outro de xoguetes sonoros con Xaneco Tubío, o sábado todo o día. Ademais, Xosé Piñeiro fará unha demostración de construción de gaitas e as mulleres de Insua mostrarán o tecido en tear. 

A AC Andrade e Cerna de Árbol farán os pasarrúas polas mañás e tamén haberá os concertos de De Vacas (sábado, 20.00 horas) e Brúa (domingo, 13.00).

Comentarios