O vilalbés José Calaza celebra o seu centenario cunha comida no restaurante Montero

Este veciño de Martiñán gozou da compañía da súa familia no evento

José Calaza (no centro), rodeado dos seus na comida celebrada no restaurante Montero de Vilalba. C. PÉREZ
photo_camera José Calaza (no centro), rodeado dos seus na comida celebrada no restaurante Montero de Vilalba. C. PÉREZ

Andei moito en bicicleta, teño feito viaxes a Rozas, a Lugo, a Ribadeo, a Foz... -cala, pensa e ri con picardía- alí tiña un cariño", lembra o xa centenario José Calaza Cabana, un veciño do barrio de Martiñán, na parroquia vilalbesa de Corbelle, que malia a acadar o século de vida mantén intacto o seu gusto por dar pedaladas.

Cando era novo, facíao acotío, percorrendo grandes distancias e hoxe segue a facelo, aínda que sen moverse da casa, grazas á bicicleta estática na que anda "unha hora todos os días", explica a súa familia, que este sábado quixo festexar con el o seu centenario cun xantar no restaurante Montero.

Nado un 8 de febreiro no mesmo lugar onde hoxe vive -botou seis anos fóra, na mili e na Guerra Civil-, traballou nas obras de construción da N-634, e "en Abadín, facendo no cuartel e no colexio". Tamén traballou na madeira, estivo nas obras da central das Pontes e pasou por Alúmina en San Cibrao "e así que se acabou todo ese traballo, pasei para a casa e traballei de agricultor", conta José, que engade entre risas que agora "a única cousa que fago é meter leña ao lume".

José, que casou con María Orosia, é o patriarca dunha gran familia de seis fillos, doce netos, 20 bisnetos e dous tataranetos

Máis non é ben así, pois segue a ser un avezado xogador de cartas, co tute e a escoba como xogos favoritos. "Perdo poucas veces e se xogo co xenro de parella, arreamos "mucha madera"", asegura, mentres confesa outra das súas afeccións, escoitar a radio de madrugada. É un fiel seguidor do programa de Marcial Mouzo na Radio Galega: "Durmo tres horas ao deitarme e despois escoito a radio ata as seis da mañá".

José, que casou con María Orosia, é o patriarca dunha gran familia de seis fillos, doce netos, 20 bisnetos e dous tataranetos, non só recibiu o cariño dos seus, senón tamén dos veciños a través da asociación veciñal da parroquia, que quixo sorprender e agasallar cunha tarta ao "abuelo de Corbelle".

Comentarios