Un pedaciño de Goya é de Vilalba

A vilalbesa María Barro está na coordinación de produción de Valentina, o filme de animación vencedor na gala do cine español, que ten patrocinio do Concello e promociona o San Simón
María Barro. EP
photo_camera María Barro. EP

Nos Premios Goya do sábado houbo moito galego, e Vilalba, dalgunha forma, estivo presente. Un pedaciño dun dos cabezóns máis ansiados na gala do cine español é vilalbés, polo traballo de produción de María Barro, natural da capital chairega, en Valentina, o filme de animación vencedor; polos apoios, porque o Concello vilalbés é un dos patrocinadores da película, e polo sabor, porque á súa protagonista, unha nena con Síndrome de Down, o queixo que lle gusta é o San Simón.

"Estiven en todo o proceso na coordinación de produción, foi un camiño moi bonito que durou cinco anos, e gañar o Goya supuxo un recoñecemento ao traballo e a todo o equipo, ademais dunha satisfacción persoal enorme", di María, que indica que tras o premio, a película, cuxa versión orixinal é en galego, volverá aos cines e aos festivais -dende a estrea o 10 de decembro de 2021 pasou por máis de 250 salas de toda España-, verase en TVE e na TVG, e á proxección nacional sumará a internacional. E con Valentina viaxará o queixo vilalbés.

"Fixen Produción Audiovisual e especialiceime en Márketing Dixital. Estiven moitos anos en Madrid máis centrada no márketing -foi directora de produción das curtametraxes Magos e Yo Nunca- e cando volvín a Galicia centreime no audiovisual", di esta vialbesa, que recoñece que coñecer á directora ferrolá Chelo Loureiro foi a súa porta de entrada a un xénero, ata aquel momento, descoñecido para ela: a animación. 

Recoñece que viviu a noite do sábado con moitos nervios fronte ao televisor e conectada cos compañeiros polo móbil

"Para min é incrible traballar con ela, é un referente a nivel persoal e profesional, que aposta polo talento novo", di María, que en canto á polémica xerada tras os Goya nega que ela sufrira impagos e pecha as críticas recalcando o talento do equipo e "a dirección de Chelo e a súa implicación co proxecto e cos traballadores". "As acusacións só pretenden difamar e difuminar a alegría do Goya e do resto de premios", di, e rememora os nervios da noite do sábado fronte ao televisor, conectada cos compañeiros co móbil. E "a nube de felicidade" de acadar o premio.

"A cara visible é o equipo artístico. O equipo técnico, e produción en concreto, é unha parte moi invisibilizada, pero das máis importantes. É coordinar todo o proxecto para que saia adiante", di, e enumera algúns traballos como a busca de patrocinios, financiamento ou labores de coordinación. Ela fixo de nexo co concello que a viu nacer. "Dende que presentamos a proposta tiveron moi boa iniciativa e fíxome moita ilusión. Que Vilalba estivese era un obxectivo persoal", di unha rapaza de 31 anos que reside na Coruña, pero que mantén un contacto regular coa capital chairega.

O seu obxectivo é continuar coa animación e xa está envolta en dous proxectos diferentes 

"Valentina é un proxecto inclusivo real que busca centrarse en dar visibilidade a persoas con moitas capacidades pero só unha mínima discapacidade, como dixo Chelo", destaca María, que asegura que descubrir a animación foi "un mundo novo". "Quero seguir dedicándome a este xénero fascinante e moi diferente á ficción", di. E fala dalgúns proxectos como unha coprodución venezolana, Filo, xunto a Katherine Castrillo e baixo o amparo do CIMA Impulsa, ou un proxecto como creadora, xunto á ilustradora lucense Sandra Lodi, Thin or Dead, unha curta animada sobre a gordofobia.

Outra vilalbesa, Ana Campos, encargouse das guías didácticas
A tamén vilalbesa Ana Campos, licenciada en Pedagoxía, foi a creadora das guías didácticas elaboradas para traballar sobre os contidos da película."Coñezo a María dende hai tempo e propuxéronmo. Nunca fixera unha guía didáctica, pero pareceume un traballo moi bonito e unha oportunidade", di Ana.
A guía pode consultarse na web pero tamén se repartirá en formato papel nos colexios interesados "para que os docentes traballen a diversidade e a inclusión e se normalice a discapacidade, porque seguen existindo prexuízos"", explica a vilalbesa, que fala de actividades prácticas e dinámicas como bailes, crebacabezas ou debuxos "para fomentar o traballo en grupo e poñerse na pel dos demais". "Encantoume, foi unha experiencia moi satisfactoria", di, mentres agradece que contasen con ela e se mostra aínda emocionada polo Goya.
undefined
Ana Campos. EP

Comentarios