Páxinas que soan a cultura

O IES de Guitiriz recibe de volta tres dos sete cadernos que remitiu a destinos internacionais

Tenreiro, con algúns dos alumnos do proxecto e os tres Cadernos Musicais Viaxeiros que volveron. C. PÉREZ
photo_camera Tenreiro, con algúns dos alumnos do proxecto e os tres Cadernos Musicais Viaxeiros que volveron. C. PÉREZ

Sete grupos de secundaria e bacharelato, sete libretas con moitas follas en branco e sete destinos internacionais. Sete cartas de presentación do concello de Guitiriz manufacturadas con todo o cariño polo alumnado de Música do IES Poeta Díaz Castro en forma de Caderno Musical Viaxeiro, remitidas a comezos do curso 2017-2018 a sete lugares tan dispares coma Colombia, China, Venezuela ou Estados Unidos.

Sete emisarios interactivos escritos en varios idiomas e con consignas para os seus receptores: indicar en cada momento onde estaba a través dun correo electrónico que se facilitaba —e poder así estudar a música e a cultura de cada lugar—, recoller por escrito o máis destacado de cada parada, e, chegado o mes de abril, devolvelo ao centro de orixe.

"Moitas esperanzas de que chegaran en condicións non tiñamos", confesan os alumnos implicados neste proxecto coordinado pola profesora Sandra Tenreiro, aínda sorprendidos de que tres dos sete cadernos fosen devoltos ao centro tras percorrer milleiros de quilómetros por medio mundo.

"Sorpendeunos que se volcaron con el, acabaron as páxinas e escribiron cousas que a eles lles importaban, sobre a súa cultura e tamén persoais", explican recordando como se emocionaron coa historia dunha venezolana descendente de emigrantes que ata lles escribiu unhas liñas en galego, cunha parella de Memphis que lle anunciou a súa futura voda ou coas verbas dunha asociación de Haití que traballa para axudar aos damnificados do país, The Vertile House.

E é que ata a illa caribeña chegou o caderno de 3º Eso A, que fixou un auténtico tour americano, con paradas en Florida, Seattle, Denver, Georgia, Puerto Rico, Bolivia, Cuba e Venezuela. "Foi o primeiro que chegou e foi emocionante recibilo, fíxonos moitísima ilusión e vese que lle dedicaron tempo, porque está todo escrito á man", explican

Tamén percorreu un longo camiño o de 3º Eso B, xa que viaxou a China, máis no seu seguinte destino, en Bélxica, freouse a cadea, polo que boa parte das súas páxinas volveron en branco.

O caderno de 1º BAC fixo un tour estadounidense por Texas, Kansas, Memphis e Denver antes de retornar a Guitiriz para darlle unha nova alegría aos alumnos, que pensan xa en repetir experiencia para o curso que vén.

"Queremos mellorar e cambiar cousas, a ver se conseguimos que volvan todos"x, explica Sandra Tenreiro, quen precisa que aínda lles queda traballo por diante para estudar os contidos destes Cadernos Musicais Viaxeiros, que achegan Guitiriz ao resto do mundo.

Comentarios