Paula Rouco: "A música prepara os nenos para vivir nunha sociedade competitiva"

A vida da presidenta da Asociación Cultural Escola de Música de Vilalba (Esmuvi) está chea de partituras e de melodías. Formada porfesionalmente no mundo da música, imparte clases de linguaxe musical e frauta no conservatorio e tamén na Esmuvi

Paula Rouco. EP
photo_camera Paula Rouco. EP

Que balance fai do primeiro ano de vida de Esmuvi?
En xeral, positivo. Hai moita xente que aínda non nos coñece, pero para ser o primeiro ano e partir de cero estamos moi contentos.

Como xurdiu a idea de crear esta asociación?
A directiva está formada por profesores do conservatorio, membros da banda de música ou da charanga, pais e nais de nenos que tocan e profesores dos colexios. Pensamos que era boa idea ampliar a formación musical que había en Vilalba, facendo unha oferta para un rango de idade máis amplo, desde os tres anos ata adulto, e con outros estilos musicais, como música moderna, batucada...

Ven cumpridos os obxectivos cos que naceu a escola?
O ano pasado marcámonos o obxectivo de arrincar, que xa non era pouco (risas). O primeiro ano contamos con 60 alumnos e neste, o segundo, o número dobrouse practicamente, chegando aos cen. E a inscrición seguirá aberta durante todo o curso. 

Hai un perfil determinado dentro do alumnado co que contan?
Non. Temos alumnos desde os tres anos ata máis de 60 e contamos cun bo grupo de adultos. Despois hai xente que vén por probar, porque lle gusta a música, outra que vén á escola e despois pasa ao conservatorio ou ao revés, e incluso algúns que compaxinan as dúas formacións, que van ao conservatorio a guitarra clásica para ter unha formación regrada pero que despois tamén queren outra noutros estilos como, por exemplo, guitarra eléctrica e entón veñen á escola.

Que actividades ofrecen?
Iniciación á música, para nenos de tres a seis anos; instrumento e linguaxe musical, a partir dos sete, e batucada, a partir dos 15. En canto aos instrumentos, ofrecemos clases de guitarra eléctrica e clásica, baixo, ukelele, frauta, clarinete, saxo, trompa, trombón, trompeta, tuba, percusión e piano. E este curso estamos arrincando con dúas actividades novas, que darán comezo en novembro: ‘As emocións a través da música’, de tres a seis anos, e expresión corporal, de sete a 15. Das dúas haberá o día 29 unhas clases de proba gratuítas.

En que consisten estas novas propostas?
Con ‘As emocións a través da música’ buscamos o desenvolvemento da intelixencia emocional. Céntrase nas diferentes formas de expresar (canto, baile, debuxo, actuación...) as emocións e os sentimentos xerados a partir da audición de diferentes pezas musicais. A partir de aí, xérase un debate cos nenos sobre que é para eles esa emoción que lles espertou a música. E en expresión corporal búscase o desenvolvemento da imaxinación, do pracer polo xogo, da improvisación, da espontaneidade e da creatividade empregando a música. Tamén ten unha parte importante de psicomotricidade.

Tamén tiveron xa as súas primeiras actuacións. 
Si, o primeiro concerto foi en febreiro e despois outro de fin de curso dentro do ciclo Música na Praza do Concello. Este curso contamos con facer, polo menos, o mesmo.

Como se complementa a oferta de Esmuvi coa que hai no resto do concello?
A nosa idea é non perturbar a ninguén. Nacimos coa idea de ampliar a oferta sobre o que xa había, tanto en rango de idade como nas actividades.

Como é de importante a formación musical a nivel xeral, no día a día dunha persoa?
Son de sobra coñecidos os beneficios da música, tanto para nenos como para adultos. O contacto coa música é moito máis, aínda que o seu estudo ten múltiples beneficios para o desenvolvemento motriz e intelectual, reforza a atención e a concentración e traballa a creatividade e a fantasía, sobre todo en idades temperás. Ademais, desde sempre a xente usou a música para expresarse, cunha intención comunicativa de sentimentos e ideas, cun valor lingüístico á par que cultural. Por iso a práctica musical desenvolve principios éticos moi importantes como son a tolerancia e o respecto, igual que esperta o espírito crítico, reduce o estrés e incrementa a seguridade nun mesmo e a súa capacidade de socialización, preparando aos nenos para vivir nunha sociedade tremendamente competitiva.

Que opina do peso que ten a música no sistema educativo actual?
A pesar de que os responsables das reformas educativas sempre reclaman unha educación integral, coa nova lei de educación vixente o Estado desenténdese completamente da formación musical. Deixa en mans das comunidades autónomas a súa vontade para impartila e a asignatura perdeu todo o seu peso no currículum. Desde o meu punto de vista, as consecuencias desta limitación da asignatura de música son múltiples. Por un lado, aféctanos aos profesionais a nivel laboral, son moitos menos postos de traballo, pero tamén ten consecuencias a nivel social. Os nenos que non teñen música na súa educación non soamente están privados dos seus beneficios, senón que ademais non a van valorar nun futuro como algo esencial na educación dos fillos.

Que obxectivos de futuro ten Esmuvi?
Sobrevivir (risas). Queremos que a escola siga adiante, seguir medrando e que a xente poida seguir gozando dos beneficios da música. Aumentar o número de horas lectivas de instrumento, crear pequenos grupos de interpretación, comprar novos instrumentos que poidan usar... Imos traballar sempre pensando nos beneficios dos alumnos, intentando sempre mellorar.

De preto: "O primeiro recital da Esmuvi foi un concerto inolvidable"
Un instrumento.
A frauta.
É o que toca. Como o elixiu?
Foi un pouco de rebote. Era o que tocaba unha curmá e ‘enchufáronma’, porque meus pais non crían que ía durar moito nisto da música (risas). Pero unha vez que a colles, engánchaste.
Unha canción.
As sinfonías de Mahler.
Un artista ou grupo.
En música clásica, quedo cunha frautista chamada Silvia Careddu e logo gústame moito o pop-rock español.
Unha afección á parte da música.
Non me deixa moito tempo libre, pero a arte en xeral. Gústame moito a Historia da Arte.
Un concerto inolvidable.
O primeiro recital de Esmuvi, en febreiro deste ano.
Un lugar.
Calquera onde poida seguir desfrutando de dar clase de música.

Comentarios