Patrimonio pontés en miniatura

A asocaición Hume promoveu o primeiro certame escolar, ao que se presentaron 49 traballos de 89 alumnos 

Maqueta Cemiterio das Cunchas. EP
photo_camera Maqueta Cemiterio das Cunchas. EP

A asociación Hume leva anos divulgando a historia e o patrimonio das Pontes e nun paso máis este ano  decidiu involucrar aos escolares a través dun certame de arte e escrita "coa teima de que as xeracións  vindeiras promovan, coñezan e valoren o noso patrimonio para que fomenten o seu coidado", expresa Fina Blanco.

"Funcionou xenial, presentámolo con algo de reparo pero confiando na participación dos centros", di unha das responsables de Hume, que indica que participaron 89 alumnos con 49 traballos cos que se pretendía "crear experiencias didácticas e sensibilizar a xuventude dunha maneira crítica e reflexiva".

O certame, que naceu con motivo da celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural e coa vocación de manterse no tempo, dividiuse en dúas modalidades, creación artística —con pintura, cómic, escultura ou maquetas, as grandes triunfadoras— e escrita, con dúas categorías por idades en cada unha: para alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria e para Eso. 

Maqueta O Refuxio de Xaquín das HerbasAlumnos de 5º da Magdalena, Manuel, Teo, Xoel, Sara, Saleta e Fernán, conseguiron o primeiro premio na modalidade A de artístico cunha maqueta do cemiterio das cunchas, de San Pedro de Eume, e na mesma categoría Óscar Barro, de sexto do mesmo centro, obtivo un accésit cunha maqueta dunha máquina tradicional de mallar. Na categoría B, o premio foi para María Permuy e Paula Galdo, de 1º da Eso do IES Castro da Uz, cunha recreación do Refuxio de Xaquín das Herbas.

Na modalidade literaria, Sarai, Sara e Alba, de 5º da Magdalena, conseguiron o primeiro premio na categoría A con Amoriña e Noa e Mario Cupeiro, do mesmo centro, obtiveron un accésit con Poema. Ismael Vázquez, de 1º da Eso do Castro da Uz, quedou primeiro na categoría B con A vila das Pontes e María Permuy obtivo un accésit con Unha historia das Pontes.

Os premios —un vale de cen euros para os gañadores e de 50 para os accésits—entregáronse nun acto multitudinario na Casa Dopeso, onde todos os participantes recibiron un diploma.  

Comentarios