Patrimonio para difundir en A Chaira

Os museos do Castro de Viladonga, con música ou xogos, e o de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, cunha visita ao abrigo de Pena Grande, conmemoraron a súa festividade
 

Xogos en Viladonga. C.PÉREZ
photo_camera Xogos en Viladonga. C.PÉREZ

Aínda que o labor de difusión do patrimonio que realizan os museos se estende ao longo de todo o ano, se hai uns días significativos no seu calendario son os do Día e a Noite dos Museos, conmemorados tanto polo Museo de Prehistoria de Vilalba (Mupav) como polo Museo do Castro de Viladonga.

A entidade da capital chairega, que dirixe Eduardo Ramil, coa colaboración da asociación de Amigos do Museo, centralizou os seus actos na xornada deste sábado e ao redor dun importante xacemento paleolítico vilalbés, o abrigo de Pena Grande, que foi motivo de polémica nos últimos meses pola súa posible venda nunha poxa pública, feito que non chegou a producirse.

Máis dunha vintena de persoas sumáronse a un amplo programa que daba comezo no propio museo, abordando os materiais arqueolóxicos do xacemento de Santaballa, para logo facer unha ruta cultural e natural polo contorno de Bordelle. O Paleolítico superior en Galicia centrou unha disertación ao pé de Pena Grande, este sábado tamén se fixo unha merenda campestre e, no serán, unha proxección sobre a arte desta época.

A oferta da cooperativa completábase, no xardín do museo, cun espazo de xogo libre utilizando materiais non estruturados

O outro gran museo chairego, o de Viladonga, programou diversos actos ao longo da semana, que culminaron tamén na tarde de este sábado coa tradicional celebración da Noite dos Museos.

Coma sempre, a xornada combinou diversas propostas, que foron dende os xogos da cooperativa Muidiño ata os sons ancenstrais dos instrumentos recuperados por Abraham Cupeiro, pasando polas visitas guiadas por Avelino González ao castro ou a recreación de xeitos de fiado tradicional de Clío Reconstrución Histórica.

"Trouxemos unha pequena demostración do textil no mundo antigo", explican Miriam Fernández e Rubén Carricoba, de Clío, rodeados de teares e fíos, mentres ao seu carón se desenvolvía, da man de Miudiño, un obradoiro de instrumentos musicais nos que os aplicados alumnos podían facer turutas, castañetas, frautas doces, reque reques ou bugallos. A oferta da cooperativa completábase, no xardín do museo, cun espazo de xogo libre utilizando materiais non estruturados.

Uns petiscos con queimada e unha proxección en memoria do polifacético Xosé Manuel Carballo Ferreiro, que foi presidente da asociación de Amigos do Castro de Viladonga, que colabora na xornada xunto co Concello de Castro de Rei, completaron o programa de actos en Castro de Rei.

Comentarios