A CHAIRA, 15 ANOS: OPINIÓN

O patrimonio cultural como sinal de identidade: a súa importancia

Directora do Museo do Castro de Viladonga
Castro de Viladonga. EP
photo_camera Castro de Viladonga. EP

Os últimos anos, co abandono xeneralizado da produción agrícola, produciuse unha acelerada repoboación de coníferas e eucaliptos que transformaron por completo a paisaxe e destruíron e seguen destruíndo gran parte do noso patrimonio cultural, especialmente o arqueolóxico. Isto produce unha perda da nosa identidade como pobo e a desaparición duns bens e valores patrimoniais que recibimos como herdanza e que temos a obriga de conservar e legar ás xeracións futuras.

A comarca da Terra Chá conta cun amplo patrimonio histórico, etnográfico, industrial e con importantes referencias literarias, necesitado de maior protección e difusión, xa que son documentos históricos irrepetibles: túmulos megalíticos, castros, castelos e torres, cruceiros, pozos e fontes, pazos e hórreos e unha característica arquitectura popular. Un patrimonio relixioso de grande interese histórico e un rico patrimonio inmaterial que, ao transmitirse de forma oral, se está perdendo.

Este patrimonio, como o resto do patrimonio cultural de Galicia, conta cunha normativa legal básica (Lei 5/2016 do 4 de maio) que ten como finalidade protexer, conservar e difundir un legado que temos a obriga de transmitir.

Para conseguir que esta normativa se cumpra é moi importante a colaboración dos profesionais da xestión do patrimonio e da educación, das asociacións culturais, e unha maior implicación das administracións. É máis importante formar e educar que sancionar. Para que algo se aprecie e se conserve hai que coñecelo, valoralo como propio, inventarialo, documentalo e promocionalo. No Museo do Castro de Viladonga, como institución orientada á promoción e ao desenvolvemento cultural da comunidade en xeral, exponse e difúndese parte deste patrimonio, para que o público o comprenda e asuma que o patrimonio cultural non é das institucións senón que é de todos e lles pertence.

O pasado dun pobo e o seu patrimonio pertence aos seus habitantes.

Comentarios