Patricia Torrado Queiruga: "A maxia está en facer sentir ás lectoras e lectores o mesmo que ti sentes"

O poemario  ‘Herdar a fala’ outorgoulle á escritora de Porto do Son o primeiro premio do III Certame de Poesía Torre de Caldaloba de Cospeito, convocado polo Concello, Culturalia GZ e a asociación de Pino. A entrega de premios terá lugar no local social desta parroquia este sábado ás 18.00 horas
Patricia Torrado Queiruga. EP
photo_camera Patricia Torrado Queiruga. EP

Criada en Baroña, "un dos lugares máis fermosos de Galiza", licenciada en Filosofía pola USC e con estudos en museoloxía, en conservación e restauración do patrimonio e en xestión cultural, porque a formación "non remata nunca e hai que actualizarse", Patricia Torrado Queiruga sente dende ben pequena "a necesidade" de escribir, unha paixón que nos últimos anos lle deu varias alegrías en forma de galardóns, aos que vén de sumar o primeiro premio, na categoría de adultos, do III Certame de Poesía Torre de Caldaloba de Cospeito.

Que foi o primeiro que se lle veu á cabeza cando lle comunicaron que era a gañadora? Esperábao?

O primeiro que pensei foi que era unha brincadeira, porque non podían fallar un premio ás nove da noite, mais vese que si. Non o agardaba para nada, porque mira que non haberá poetas fantásticos/as nesta nosa Galiza.

Que a levou a presentarse a este certame? Xa o fixera antes?

Presenteime porque é un certame relativamente novo e xa me presentara tamén o ano pasado.

Para que serven os premios?

Serven para poñer en valor o traballo que facemos, a nosa escrita a ollos do resto do público, sen explicacións, a peito aberto.
Antes deste recoñecemento en  Cospeito, xa recibira outros nos certames de microrrelatos de Vilalba, xa ten algo de chairega?
Unha é do mundo, de onde nace, de onde se cría, de onde vive e de onde a acubillan, neste caso, a min a Chaira leva dous anos acubillándome no mellor dos berces, o literario.

Os premios serven para poñer en valor o traballo que facemos, a nosa escrita a ollos do público

Que é Herdar a fala?

É un canto á maternidade, aos coidados, á crianza, aos recordos. Á crianza que eu recibín. Á maternidade da que tanto gozo día a día, que fixo de min unha muller con incertezas, con medo, non por min, senón por esa prolongación que fai dos nosos dedos outros dedos pequeniños. Hai unha imaxe vívida que lle deu nome; a das mans do meu fillo agarrando as da miña avoa, a súa bisavoa. Ollándose co sorriso nos beizos, recoñecéndose, mordendo unha galleta a medias, ela faláballe e el sen palabras facíase entender.

O premio inclúe a publicación. Fai ilusión ver a súa obra publicada?

Unha ilusión que dificilmente se pode explicar. Non é o mesmo publicar nunha obra colectiva que ter unha publicación individual. No muro dos afectos, no dos recordos que cada un de nós temos pretiño do pericardio quedará fonda pegada deste Torre de Caldaloba, en sitio preferente.

Que a inspira para escribir?

Escribir é unha necesidade para min, dende os oito anos. Escribir é esconxurar os males, as realidades, é darlle outra dimensión. E como coido que todo o mundo, hai épocas de seca e épocas vizosas para a escrita. 

A situación dos últimos meses, axuda ou non?

A min levoume tanto a escribir como a pintar, algo que levaba xa anos sen facer e que me procura unha felicidade case absoluta.

Hai unha imaxe vívida que lle deu nome á obra: a das mans do meu fillo agarrando as da miña avoa, a súa bisavoa

Traballou de editora, isto faina máis esixente á hora de revisar os seus textos?

Unha é esixente cos textos dos demais por formación profesional, porque se olla o texto con distancia, sen implicación emocional. A escrita de unha mesma,… iso xa é outro cantar. Un día revisas o texto e estás super orgullosa do artellado e ao seguinte non fas máis que verlle pegas, peros, reparos. Para min é máis sinxelo valorar o dos demais que a miña obra, polo que digo, por esa implicación sentimental que é inseparable do que teces. Ti sabes o que queres transmitir, por que xorde e como xorde o que escribes, pero iso ás veces non lle chega do mesmo xeito a quen te le. A maxia está en facer sentir ás lectoras e lectores o mesmo que ti sentes.

Que outros proxectos ten?

Proxectos sempre hai moitos, pero ás veces agardan nun caixón a unha mellor ocasión e outras veces simplemente flúen. Esa tamén é unha das marabillosas realidades do día a día.

Comentarios