domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

A Pastoriza recupera tras 20 anos o cruceiro do Caxigo, na parroquia de Vián

O Concello impulsou a recolocación do centenario elemento en Vián

O Concello da Pastoriza vén de recuperar un anaco máis do seu patrimonio coa restauración do cruceiro do Caxigo da parroquia de Vián dúas décadas despois de que fose derrubado.

Este elemento etnográfico centenario, que se gardou logo de sufrir danos no ano 2001, data do século XIX, concretamente de 1895, e a súa autoría atribúeselle á saga dos recoñecidos canteiros da parroquia vilalbesa de Román, Os Carboeira, xunto con outro que hoxe está situado no adro da igrexa, procedente do antigo cemiterio da Trindade.

Recuperación do cruceiro do Caxigo, que data de 1895. EP - copiaSegundo a inscrición que se conserva na cara principal do propio elemento, o cruceiro do Caxigo foi impulsado por un veciño do lugar, José Ribas. En 1995 tivo que recolocarse por unha mellora das pistas do municipio e agora volve estar ao pé da cooperativa homónima, onde xa se situaba en 2001, cando sufriu os desperfectos.

A súa existencia e as principais características están documentadas no inventario do Patrimonio Histórico e Artístico do Concello da Pastoriza, que data de 1990, e tamén no libro Cruceiros, cristos e cruces no concello da Pastoriza, obra que escribiu Mario Saavedra xunto aos seus compañeiros do Proxecto Carboeira, Fernando Arrribas e José María Blanco.

"Algúns veciños tíñannos comentado que estaría ben recuperalo, polo que o restauramos, como se fixo con outros", di o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, que precisa que, igual que en intervencións anteriores, se contou con técnicos de Patrimonio para saber como proceder, coa axuda de Saavedra e co traballo dos operarios municipais, que colaboraron nunha recuperación que se levou a cabo con fondos propios, como xa se fixera nas anteriores.

Así, o Concello xa restaurou tres dos catro elementos que sinalan os puntos cardinais no lugar de Xemil: a cruz da Caveira (norte) e os cristos do Romeiro (sur) e do Arandal (norte), e ten pendente o arranxo da plataforma do cristo do Foxo (oeste). Tamén prevé recuperar a cruz da Caxaca, na parroquia de Corvelle, un dos elementos máis antigos de toda a comarca, segundo precisa Mario Saavedra, e que se localiza sobre un valado e está en risco de derrube.

A Pastoriza recupera tras 20 anos o cruceiro do Caxigo, na...
Comentarios