domingo. 25.10.2020 |
El tiempo
domingo. 25.10.2020
El tiempo

A Pastoriza estrea dúas rutas de sendeirismo en A Rigueira e Bretoña

Primitivo Iglesias, na Ruta de Maeloc.
Primitivo Iglesias, na Ruta de Maeloc.
Doce operarios do obradoiro de emprego O Castro V encargáronse de trazar os itinerarios

O Concello da Pastoriza vén de rematar o acondicionamento de dúas novas rutas de sendeirismo que suman un total de 17 quilómetros e discorren maioritariamente polas parroquias de Bretoña e da Rigueira.

"Esta é unha maneira de crear riqueza, de atraer visitantes e de dar a coñecer o concello", asegura o alcalde pastoricense, Primitivo Iglesias, que cre que o turismo de proximidade vai ser clave no futuro e as ofertas relacionadas coa natureza terán grande importancia nas opcións de lecer da xente.

Ambos itinerarios están xa sinalizados e dende o goberno local confían en poder homologalos, igual que xa se fixo no seu momento coa Ruta da Agua, que une Fonmiñá coa área recreativa de Baltar, seguindo o curso do río Miño, e pasa por lugares coma o castro de Saa.

MAELOC E MUDIA. A bautizada como Ruta de Maeloc ten unha lonxitude de dez quilómetros, con dificultade media, e parte –ou remata, segundo como se faga–, no paseo fluvial de Bretoña, a carón do Coto da Auruxeira, sede do Lugnasad. Este paseo, de 1,5 quilómetros, conta entre os seus atractivos con elementos de valor etnográfico, coma tres muíños, ou importante vexetación de ribeira, tal e como salienta o rexedor.

A senda sobe, aproveitando pistas e camiños forestais, ata o alto de Carracedo e chega a Pena Gallada, "onde nun día claro o viaxeiro pode ver Foz e o mar Cantábrico, toda a extensión da Chaira e o límite entre Asturias e Lugo nas terras da Fonsagrada e de Navia", precisa Iglesias, que apunta que o itinerario chega a Campo de Oso, dende onde se pode facer tamén en sentido inverso, descendente.

O segundo percorrido, a Ruta da Mudia, tamén de dificultade media, ten o seu punto de partida no lugar do Castelo, na Rigueira, e discorre entre "campos e pistas con vexetación exhuberante", apunta o rexedor, ata percorrer os sete quilómetros que levan ao mirador da Mudia, "dende onde hai unha vista espectacular de toda a Terra Chá".

NO VERÁN. As dúas sendas foron habilitadas durante o verán por un grupo de doce alumnos traballadores e un monitor do módulo forestal do obradoiro de emprego O Castro V, que A Pastoriza comparte cos municipios de Riotorto e Ribeira de Piquín onde tamén desenvolven distintas tarefas os mesmos operarios de Pol e Castroverde –que comparten outro grupo de oito traballadores–.

Os labores consistiron principalmente na limpeza de camiños e de pistas para facelas transitables para os sendeiristas e na colocación das necesarias balizas de sinalización. Tamén se realizaron outras actividades complementarias, coma colocar unha malla de seguridade no paseo fluvial de Bretoña para previr que os usuarios esvaren.

O taller, financiado pola Xunta e cunha duración de nove meses, comezaba xa o 29 de novembro de 2019 e tería que ter rematado a finais de agosto, pero suspendeuse por mor do confinamento. A actividade retomouse o 1 de xullo e dende entón ata mediados deste mes de setembro os alumnos traballaron nas rutas da Pastoriza. Agora desenvolven outras funcións ata o 11 de decembro en Riotorto e en Ribeira de Piquín, segundo precisa o director de O Castro V, Antonio Durán.

O obradoiro dual, que conta cunha parte práctica e outra teórica, tamén viu alterado o seu funcionamento polas medidas de prevención e distanciamento fronte ao coronavirus, que obrigaron a reorganizar os traballos, malia que estes se desenvolvan ao aire libre. Ademais das rutas da Pastoriza, os operarios acondicionan un carballal en Castroverde, camiños en Pol e en Ribeira de Piquín, onde tamén limpan varias rutas, igual ca en Riotorto, municipio no que tamén levan a cabo diversas podas.

A Pastoriza estrea dúas rutas de sendeirismo en A Rigueira e Bretoña
Comentarios