Pastora Veres presenta 'Lareira de soños' en Guitiriz

A Casa Habanera acolleu unha dobre sesión de presentación do primeiro libro da vilarega, que lle rende homenaxe á súa parroquia natal, recuperando a súa historia nunha obra publicada por Edicións Fervenza
Pastora Veres, coa súa filla María. C.PÉREZ
photo_camera Pastora Veres, coa súa filla María. C.PÉREZ

A parroquia guitiricense dos Vilares e a súas xentes xa teñen crónica de seu. Aquela encomenda que Manuel María lle fixera Pastora Veres na inauguración dunha exposición de fotos fai case tres décadas converteuse, finalmente, en realidade. A vilarega presentou onte na Casa Habanera de Guitiriz 'Lareira de soños', unha obra que comezaba a xestarse coa dedicación a outro vilarego, Xosé María Díaz Castro, do Día das Letras Galegas en 2014 e que culminaba onte coa entrega do primeiro exemplar á súa filla maior, María.

Pastora tíñallo prometido a súa nai, todo un referente para ela xunto á súa avoa, a tía María, máis non puido ser. Avelina finaba hai pouco máis dun mes, xusto cando o libro entraba na imprenta. Mais estivo presente en cada sentida palabra da emocionante intervención da súa filla, que non quixo deixar de agredecerlle a todas aquelas persoas que contribuíron a converter en realidade un proxecto que, quizais, como ela mesma lembrou, xa tivera as súas raíces moito antes de Manuel María, entre os pupitres e as vivencias escolares.

A escritora Luz Campello definía como "biografía colectiva" e "legado social e antropolóxico" da parroquia un traballo que suma máis de 100 entrevistas e que repasa dende o impacto da emigración ata a chegada da luz ou da auga corrente á parroquia, mentres a responsable da área de cultura da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, agradecía este "testemuño documental" que serve de exemplo sobre como se pode conservar a memoria dun pobo e pór en valor a súa identidade.

Antonio Cortés, de Gadis; a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; e Socorro Vázquez, profesora e asesora lingüística da obra; tamén interviron nun acto conducido por Ainara Pérez, concelleira de cultura e veciña dos Vilares, que aproveitou para agradecerlle a Pastora "un agasallo incrible". "Vivir como vilaregas é a mellor sensación do mundo " afirmaba Ainara, rodeada de caras da parroquia que quixeron arroupar á autora na presentación oficial da obra e tamén nunha segunda sesión de presentación, organizada para cumprir cos límites de aforo e que poidese asistir quen o desexase. E tamén houbo quen non puido estar, pero si se sumou a través de verbas ás que lles puxo voz Antón de Guizán.

Edicións Fervenza encargouse da publicación de 'Lareira de soños', que conta co limiar de Man Castro e que se acompaña do documental 'Entrar aos Vilares', dirixido por Cibrán Tenreiro. O proxecto contou coa colaboración do Concello de Guitiriz, da Deputación de Lugo, da Secretería Xeral de Política Lingüística da Xunta e de Gadis.

LIBRO PASTORA VERES OS VILARES (2) 

Comentarios