Domingo. 24.06.2018 |
El tiempo
Domingo. 24.06.2018
El tiempo

XERMADE

Tras os pasos de santos, bandoleiros e viaxeiros

Camiño Real da Carba ao seu paso por Xermade. ANTONIO RIVEIRA
Camiño Real da Carba ao seu paso por Xermade. ANTONIO RIVEIRA

O Camiño Real da Carba, entre Mondoñedo e Ferrol, deixou ao seu paso polo concello xermadés historias, lendas e un rico patrimonio cultural e natural que permanecen na memoria a través de xeracións

Poboación
Xermade conta con 1.884 habitantes censados, segundo datos do Ine de 2017. Deles, 911 son homes e 973 son mulleres.
Vista atrás
A feira de Momán, que se celebraba os días 4 e 19 de cada mes, tivo tal entidade que foi candidata a acoller un mercado gandeiro semanal que finalmente foi para Castro.
Curiosidades
Pese a ter varios séculos de historia, aínda segue en pé o cárcere usado polo correxedor do Conde de Amarante, antigo señor do coto de San Pedro de Roupar.

"AÚN RECUERDAN LOS más viejos/ de Pepa la Loba andanzas/ por Germade y por Cospeito/ por Muras y Santaballa./ Cometió robos y crímenes/ vivió en el monte escondida/ hasta que un día quedó / su banda disminuida./ Pepa vivió con un hombre/ que por marido trataba/ en una casa en Roupar/ que está cerca de Villalba./ Allí moriría un día/ en la abejera instalada/ viuda y cuidando a un hijo/ y no se supo más nada". Así se recolle nun cantar popular as peripecias por terras chairegas de Pepa a Loba, a lendaria bandoleira galega de finais do século XIX que conseguiu a fama asaltando camiños e roubándolles aos caciques e aos curas. 

Son moitas as referencias que hai sobre esta muller, cuxa figura esperta curiosidade e admiración a partes iguais ao longo de toda Galicia. Unha delas é a que sinala que Abelleira, na parroquia de Lousada (Xermade), foi o lugar elixido para refuxiarse e vivir o seu retiro tras o embarazo e centrarse máis na vida familiar ata a morte do seu home, logo da que regresaría á delincuencia.

Alí, nun cruce de camiños entre as antigas vías Mondoñedo-Ferrol e Lugo-Viveiro, consérvase unha antiga pousada, coñecida como a Casa de Pepa a Loba, na que aínda se aprezan as troneiras defensivas. Un lugar que garda entre as súas paredes moita historia que aínda está por descubrir.
E é que a zona foi dunha gran relevancia durante séculos, ao ser o lugar polo que pasaba parte do trazado do camiño real que enlazaba a capital do antigo reino de Galicia, Mondoñedo, coa outra cabeza do bispado, Ferrol. Atravesando a serra do Xistral, chega ata Xermade para pasar por Roupar e por Lousada, acollendo a milleiros de viaxeiros, comerciantes, peregrinos e, tamén, historias e lendas que quedaron na memoria colectiva e que moitas chegaron ata os nosos días.

O Camiño Real da Carba, como se coñece, entra no concello xermadés polo Alto da Neveira. Alí atópase unha casa co mesmo nome que servía para recoller a neve da zona próxima para convertela, pisándoa, en xeo, o cal se conservaba nesta estrutura durante un ano. Facíanse capas duns 50 centímetros, separadas por láminas de palla para poder cortar mellor os cachos de xeo que logo se transportaban en cabalerías con destino ao porto de Ferrol, normalmente de noite para conservalo mellor.

O seguinte punto de interese no percorrido é un lago natural que se forma polas elevadas precipitacións invernais e a escasa drenaxe. Pero aínda hai outro lugar máis importante, pola súa gran relevancia ecolóxica e valor ambiental: a fraga da Lagoa. É un auténtico nicho ecolóxico onde se atopan carballos e acivros seculares con outra vexetación e nace o río Trimaz. 

O enclave non escapa tampouco á súa parte de historia, xa que no seu cumio facíanse, ata o primeiro terzo do século XX, as monterías do lobo, cun singular sistema de caza colectivo no que se xuntaba canta máis xente mellor para crear un corredor humano que se ía estreitando ata ter o lobo completamente atrapado, ou ben á mercé dos lanceiros ou ben ata que caía nun foxo, do que aínda hoxe hai algún resto.

Esta antiga vía, de gran importancia comercial, non estaba exenta da súa importancia relixiosa, ao ser a principal vía de unión entre dúas sedes episcopais. Algunhas paraxes relacionadas con isto son moi distintas, como é o caso da igrexa de Santo André de Lousada, un chamativo templo con mosaico na fachada que substituíu a antiga igrexa e a rectoral. Para elo, talouse tamén un teixo que había ao seu carón, co que se axudou a sufragar os gastos da construción do novo templo.

Outros desapareceron e non tiveron ningún tipo de continuidade, como a capela do lugar coñecido como Teixido e que tamén era na honra a Santo André. Di a crenza popular que o que hoxe se coñece como San Andrés de Teixido tivo a súa orixe realmente neste lugar de Lousada, pero que o cura que rexía a capela levou o santo para Cedeira, que desde entón adoptou ese nome. De feito, os veciños da zona chámanlle a este santo o San Andrés de Lonxe.

Tras pasar por Abelleira, o Camiño Real da Carba adéntrase en Roupar para chegar a Aguillón, que marca o fin do camiño xermadés antes de adentrarse nas Pontes, pasando por espazos representativos como a capela do Campo, a escola habaneira, a igrexa de San Pedro Fiz ou o antigo cárcere, deixando atrás moreas de historias de todo tipo durante séculos ata que o seu uso foi caendo no esquecemento coa popularización da actual estrada chamada LU-861.

Varios destes mitos e enclaves foron tamén obxecto de estudo dentro do Premio Xermade na Historia, promovido polo Concello e a asociación de veciños de Cabreiros e que este ano celebra a súa cuarta edición. A neveira de Lousada, a igrexa de Santo André ou a propia Pepa a Loba son as protagonistas dalgúns traballos —os dous primeiros foron premiados—, aos que se sumaron interesantes temas da cultura e patrimonio xermadés, como as lendas de Momán, a Santa Mariña de Cabreiros, os torneiros, a historia de Cazás —por onde pasaba tamén, xunto por Momán, outro importante camiño real, o de Mondoñedo a Betanzos pasando por Vilalba—, o pasado castrexo de Xermade ou, nesta última edición, a paisaxe arqueolóxica local na Prehistoria e o patrimonio artístico-relixioso.

En definitiva, é unha forma de que todo o pasado histórico, etnográfico, cultural e tradicional de Xermade non esmoreza e poida seguir pervivindo de xeración en xeración.

CO OLLO ABERTO
Peñote de Goía. Situado nunha pena na parroquia de Lousada, desde os seus 871 metros de altitude na Serra da Carba tense unha ampla vista do concello e dos arredores.
Musealización. En Cabreiros pódense ver os arcos e o altar, dos séculos XVI e XVIII, da antiga igrexa recuperados en 2006 a través dun proxecto de musealización.
cancioneiro
Cantiga. "Rabeache pola peneira/ rabeache por peneirar/ e rabeache por te casar/ na parroquia de Roupar" é un exemplo do cancioneiro popular do concello.
Regueifas. Na parroquia de Cazás había unha gran tradición de regueifeiros.
POR ESCRITO
Xermade, o meu pobo. Libro elaborado polos alumnos da segunda etapa de EXB do curso 93-94 do colexio xermadés, no que se recollen datos sobre a historia, natureza, actividade económica e patrimonio de todo o concello, ademais de cancións, lendas, refráns e remedios naturais.
Poemas. José Mouriño Cuba publicou Lousada, un berce de lecer, con poemas coa súa parroquia natal, a súa historia e os seus costumes como protagonistas.
Pepa a Loba. A coñecida bandoleira galega, que tivo a súa pegada tamén en Xermade, centra unha novela do escritor Carlos Reigosa.
CON MOITO GUSTO
Freixós á pedra. É unha das especialidades do restaurante Ares de Roupar, xunto co cocido e o chuletón.
PARA SENTIR
Torneiros. Xermade convértese cada setembro na capital europea do torneado da madeira, un oficio tradicional con múltiples posibilidades na actualidade.
Cabreiros.As Xornadas Interxeracionais ou a Invernada de Cine invitan a coñecer máis de preto o patrimonio local.
canto conto
Loberno. Rafa Quintía fixo a súa particular homenaxe a Xermade e ao seu patrimonio inmaterial co deseño dunha camiseta co Loberno, ser mítico en Galicia, na Pena Goía, para a colección Superheroes Galegos da firma Rei Zentolo.
Fonte Santa. Tamén coñecida como Fonte de Santa Mariña, patroa de Cabreiros. Nela pódese ver onde estivo sentada a mártir e onde pousou as mans para beber. Aos que beben auga dela, aparéceselles a santa.
Pena da Muller.  Unha muller volvía da feira de Momán cando empezou a nevar e se abrigou nesta pena. A nevarada durou varios días e ela morreu alí co frío.
Ouro en Cazás. No castro da igrexa, hai unha inscrición nunha pedra que ao descifrala sae unha galiña que pon ovos de ouro. Os mouros enterraron tamén alí unha trabe de ouro.

 

Tras os pasos de santos, bandoleiros e viaxeiros
Comentarios