Pasos de baile e de esperanza

A Escola de Movemento de Vilalba retoma con ilusión a súa participación presencial no clasificatorio para o Mundial de Danza, ao que concorren 90 integrantes con 24 coreografías
Boa parte do equipo que irá a Burgos do 25 ao 27 deste mes. ESCOLA DE MOVEMENTO
photo_camera Boa parte do equipo que irá a Burgos do 25 ao 27 deste mes. ESCOLA DE MOVEMENTO

"Despois destes tempos escuros que nos baixaron o ánimo, retomamos forzas coa ilusión de volver pisar o escenario e sentir os aplausos do público", din dende a Escola de Movemento de Vilalba, que inicia unha nova tempada "chea de esperanzas" na que o primeiro obxectivo xa está marcado en vermello no calendario: o clasificatorio para o Mundial de Danza 2022, que se celebra en Burgos este mes, do 25 ao 27.

Ata alá viaxará unha ampla representación da escola, formada por 90 nenos, nenas e rapazas con idades comprendidas entre os catro e os 23 anos, que van presentar un total de 24 coreografías nas categorías Mini, Children, Júnior e Sénior, competindo ademais nunha gran variedade de estilos.

Na modalidade National, de danza tradicional, unha das que máis alegrías lle reportou á escola nas últimas convocatorias, a asociación vilalbesa defenderá catro propostas: ‘Pousa pousa’, con seis nenas de catro a seis anos; ‘Terra’, con 16 bailarinas dos sete aos nove; ‘Caroi’, con 14, dos nove aos 23; e a máis numerosa, con 19, ‘A roda da vida’, protagonizada por nenas de nove a 13 anos.

En Acro Dance, serán 16 danzantes, de cinco a 23 anos, as que presenten sobre o escenario ‘Bohemian Rhapsody’; 13, de sete a nove anos, bailarán ‘Maxia’; ‘Don’t Go Yet’ será defendida por once nenas de sete a 13 anos; e ‘Figa’, pola parella formada por Andrea e María, de 13 e 14 anos.

O único solo será o de Carla Mosteiro, de 17 anos, que competirá con ‘Where’s my love’ en Contemporáneo

Outra das modalidades máis concorridas é Comercial, onde Carla e Lucía, de 17, presentarán ‘The brilli girls’; 17 nenas de sete a nove anos farán o propio con ‘Crazy Fog’; ‘Bailar’ será defendido por 14 danzantes de dez a 13 anos; e ‘Wannabe’, por once de once a 17.

‘Wobble’, con sete bailarinas de dez a 17 anos; ‘Swag’, con seis de seis a nove; e ‘Luna’, con Natalia e Lucía, de 17 e 20 anos, serán as tres coreografías vilalbesas en Hip Hop, mentres que en Showdance haberá outras tres: ‘Los increíbles’, con sete nenas e un neno de sete a nove anos; ‘Mickey’, con 17 nenas e un neno de catro a seis anos; e ‘Beggin’, con nove nenas de dez a 13 anos.

O único solo será o de Carla Mosteiro, de 17 anos, que competirá con ‘Where’s my love’ en Contemporáneo, modalidade na que 14 rapazas de 13 a 23 anos defenderán ‘Malala’. Tamén serán dúas as coreografías de Ballet, ‘Inside out’, defendida por 14 nenas de cinco a oito anos, e ‘Harry Potter’, con sete nenas de nove a doce anos.

A ampla representación da Escola de Movemento en Burgos péchase con ‘I am’, en Lírico, onde participan 16 nenas e un neno de sete a nove anos, e con ‘Gerónimo’, presentada por 14 bailarinas de dez a 13 anos en Jazz.

Comentarios