Paseo para ollar o que non se ve

Extramundi e Galiza Emocional presentan un vídeo de realidade aumentada ficcionada en lingua de signos para vivir o Camiño de Santiago ao seu paso por Vilalba dun xeito diferente
imgData
photo_camera Inicio do videopaseo ‘Paradoxo’, unha experiencia de realidade aumentada ficcionada. T. FORJA

A Asociación Extramundi e o colectivo Galiza Emocional veñen de presentar na Casa Nicanor en Vilalba o videopaseo Paradoxo que percorre un tramo do Camiño de Santiago Norte ao seu paso polo concello chairego. Está narrado en lingua de signos e conta con subtítulos en varios idiomas, co obxectivo de romper barreiras e subir un chanzo para conseguir máis accesibilidade á cultura para as persoas xordas. 

A experiencia pode levarse a cabo grazas aos códigos QR que están dispoñibles nas inmediacións do lugar. Unha vez no punto de inicio e co móbil disposto para comezar o paseo, o espectador percorrerá o camiño coa poeta Ana Senra como narradora en lingua de signos, e descubrirá as pantasmas que habitan o lugar. No proceso mésturase a narración coa danza e a interpretación á que se suman os artistas María Roja e Fran Martínez.

Este proxecto foi unha experiencia moi ilusionante para Ana Senra que non quixo perder a oportunidade de reivindicar "unha accesibilidade completa a concertos, a museos, ao teatro, a monólogos... con servizos de intérpretes de lingua de signos, con mochilas vibratorias para sentir a música, que se fagan en espazos con chan de madeira que vibran ou cadeiras vibratorias para que poidamos acceder en igualdade de condicións a estes produtos", así como o impulso de proxectos como Paradoxo.

O videopaseo é un plano secuencia no Camiño que combina a narración en lingua de signos, a actuación e a danza

Da produción encargouse a asociación Extramundi, un espazo que busca construír sociedades máis equitativas para ás persoas con diversidade funcional. A súa presidenta, Lorena Recouso, sinalaba que traballan "en procesos de horizontalidade e de creación conxunta, buscando impulsar unha cultura accesible para todos na sociedade da información". Deste traballo cooperativo nace o vencello co colectivo Galiza Emocional para levar a cabo esta iniciativa.

"O guión do vídeo sufriu numerosos cambios xa que houbo que adaptalo tanto por mor da pandemia, como por cuestións como frases, metáforas ou imaxes que non tiñan sentido ao pasalo da lingua falada á lingua de signos, e para poder facer estes cambios foi necesaria a axuda de David Fernández, o intérprete, e Ana Senra, que ademais de narradora, podemos chamala case a coescritora do guión", explicaba Marcos Carballido PTT, encargado do guión e a dirección de Paradoxo e parte de Galiza Emocional.

O videopaseo está gravado nun plano secuencia de 20 minutos da que se encargou Lucía Estévez, tamén de Galiza Emocional. "Conseguimos ravalo á terceira, puidemos terlle feito algo de montaxe pero pensamos que o bonito era deixalo puro, aquí empeza e aquí remata", comentaba PTT. Idea á que se sumaba Lorena Recouso e que engadía que "estes proxectos son tamén necesarios para presentar propostas que se afastan da urbe e ensinen á xente que visita Galicia o que supón a interacción dos seres humanos co territorio". 

En definitiva, Paradoxo é máis que un paseo polo tramo do Camiño de Santiago Norte que pasa por Vilalba. Paradoxo é arte que busca romper as barreiras entre oíntes e non oíntes. 

Comentarios