O recuncho de Ana Belén Iglesias

Pasarela da Lagoa de Cospeito: desconexión nun espazo único

Unha gran ponte de madeira rodeada de árbores e natureza no medio dun paseo cheo de matices
Pasarela da Lagoa de Cospeito. D. CENDÁN.
photo_camera Pasarela da Lagoa de Cospeito. D. CENDÁN.
Localización
A pasarela atópase no percorrido que arrodea a Lagoa de Cospeito, á que se chega, vindo pola LU-P-6501, collendo á esquerda pola Rúa Camiño da Lagoa, na entrada da vila. En dirección contraria, sería atravesar Cospeito e coller a rúa, que quedaría á dereita. Despois, para acceder á pasarela hai que ir a pé polo camiño que hai a carón da zona húmida.
Fauna
Este escenario natural acubilla varias especies de aves que son difíciles de ver noutros lugares da contorna, contando ademais con miradoiros axeitados para admirar a súa fermosura.
Exercicio
A pasarela e todo o paseo préstanse para a realización de exercicio físico, dende camiñar a outros máis esixentes como correr ou ir en bici.
Arcos naturais que fan as árbores no paseo que chega á pasarela. D. CENDÁN.
Arcos naturais que fan as árbores no paseo que chega á pasarela. D. CENDÁN.

A Lagoa de Cospeito é un dos emblemas do municipio, un lugar coñecido en toda a contorna e máis alá por ser unha das zonas húmidas máis grandes de Galicia, o que lle dá a sona, confirmada por todas as persoas que cada día desfrutan dela dando un paseo polos seus arredores, algo moi habitual no pobo.

"É un lugar onde é moi importante gardar silencio, xa que é un espazo de especial protección ao ter diversas especies de aves e animais habitando nela", comeza Ana Belén Iglesias, resaltando isto como unha gran virtude, a de asegurarse ter paz e silencio cando o precises, un silencio que fai que "entres nun momento de sensacións e estímulos moi positivos de absoluta desconexión", apunta.

"Atravesando túneis de árbores compostos pola propia natureza chego ao meu recuncho favorito, a pasarela de madeira sobre o humedal da lagoa", explica a traballadora social, que vai alí para "recargar enerxía, porque me ofrece poder respirar a natureza e absorver todos os estímulos positivos que nos ofrece a terra".

E non só lle gusta o lugar en si, senón tamén o camiño que percorre para chegar a el, xa que "paso por numerosos sinais e obras artísticas que se atopan no noso concello, elaboradas co traballo que se fai dende os servizos sociais todos os anos co gallo do 25-N ou do 8-M, e que reforzan a miña motivación para seguir traballando con convicción".

"Saíndo do mural de Constanza de Castro feito por DiegoAS, para logo seguir pola praza do pobo, onde atopamos distintas accións artísticas de ‘lettering’ con intervencións pictóricas, executadas por Iago Eireos, que son frases plasmadas no chan que promoven a concienciación no ambito da igualdade", comeza a narrar Ana Belén, repasando o que se atopa no seu camiño ata a pasarela.

"Continúa o paseo e seguímonos atopando máis polo chan, ata chegar ao centro de interpretación, onde podemos gozar do primeiro mural realizado no concello, co rostro de Frida Kahlo e a súa mítica frase ‘Pés para qué vos quero se teño ás para voar’", engade, sendo aquí onde comeza a senda que leva á pasarela da lagoa.

"É un lugar para pararte, gozar, descubrir e deixarte sentir", sentencia Ana Belén.  

Comentarios