As parroquias vilalbesas de Ladra, Nete e Noche únense na Festa da Amizade

O prazo para anotarse ao ágape, que se celebrará o vindeiro día 27 no campo da festa de Ladra, está aberto ata o 21

Comisión organizadora da Festa da Amizade. EP
photo_camera Comisión organizadora da Festa da Amizade. EP

Unha comisión conformada por 14 veciños das parroquias vilalbesas de Ladra, Nete e Noche será a encargada de promover o vindeiro sábado, día 27, a segunda edición da Festa da Amizade, unha cita que trata de unir e facer desfrutar aos seus veciños.

O programa, que seguirá a mesma liña do ano pasado, arrincará cunha animada sesión vermú a cargo da orquestra Principal no campo da festa de Ladra.

A continuación, os asistentes poderán saborear un menú a base de entrantes, pescada en salasa de marisco, solombo de porco en salsa con champiñóns, ademais das típicas bebidas, postres e cafés. O ágape terá un curso de 23 euros -salvo os menores de dez anos, para os que será gratis- e será servido polo cátering Chao da Brea.

Os interesados en asistir aínda están a tempo. O prazo para anotarse estará aberto ata o domingo 21. Os teléfonos para retirar os tickets son os seguintes: 650.36.55.54 (Javier, Noche), 686.18.69.12 (Carral, Nete) e 616.93.74.28 (Félix, Ladra).

Os organizadores avanzan que os máis pequenos poderán desfrutar de colchonetas gratis, mentres os maiores poderán bailar grazas ás diferentes actuacións musicais previstas. Así, animarán a sobremesa a asociación cultural Andrade, o grupo Mestura de Nete e o trío Innovación, que repetirá na verbena xunto á orquestra Principal.

"Tamén haberá sorteos de agasallos ao longo da tarde", anuncian dende a comisión, confirmando que xa hai "ao redor de 300 persoas anotadas". "O ano pasado acudiron 388, esperamos estar rondando as mesmas cifras, xa que temos un máximo de 450 prazas", conclúen dende a organización, desexando que esta II Festa da Amizade sexa un novo éxito.

Comentarios