A reportaxe da Chaira

As parroquias de Labrada e de Pino terán bibliotecas rurais

A iniciativa veciñal, e a colaboración desinteresada de colexios, colectivos e particulares fai posible estes dous proxectos que seguen a estela dun centro pioneiro, o da asociación cultural Xermolos, ideado nos anos 70
Esther, Inés e Mari Carmen, con algún dos libros da futura biblioteca de Pino. C.PÉREZ
photo_camera Esther, Inés e Mari Carmen, con algún dos libros da futura biblioteca de Pino. C.PÉREZ

O soño dunha nena namorada dos libros e unha enciclopedia. Dúas circunstancias separadas no tempo e no espazo, pero que desencadearon, moitos anos despois, ilusionantes proxectos para crear senllas bibliotecas rurais. Unha, na igrexa de Santa María de Labrada, en Guitiriz. Outra, no local social do Mato, na parroquia cospeitesa de San Martiño de Pino.

Curiosamente, o punto de inflexión en ambas iniciativas que fixo que o que parecía unha utopía acabase por ser realidade foi o mesmo: un bo feixe de libros descartados de dúas bibliotecas escolares en proceso de renovación, a do Ceip Mato Vizoso de Vilalba e a do CPI Virxe do Monte de Cospeito.

O Ceip Mato Vizoso de Vilalba e o CPI Virxe do Monte de Cospeito doaron todos os seus libros descartados

"Despois de dous anos de traballo, estamos xa na recta final, falta acabar de colocar os libros e poñer un par de estantes máis", explica Branka Villar, veciña de Labrada e alma máter do proxecto desta biblioteca rural que ademais ten un escenario único, o baptisterio do templo parroquial.

"É un privilexio, unha marabilla, a biblioteca está nunha igrexa histórica, con frescos nas paredes, na que en canto entras respiras cultura e historia", destaca Branka sobre un emprazamento que foi posible grazas á colaboración e ao apoio do crego da parroquia, Luis Ángel Rodríguez Patiño, que se implicou coa idea dende un primeiro momento.

Carmen e José Luis, na biblioteca de Labrada. C.PÉREZ
Carmen e José Luis, na biblioteca de Labrada. C.PÉREZ

Non foi o único, pois tamén resultou clave a figura da mestra e escritora María Xosé Lamas, responsable da biblioteca do Ceip Mato Vizoso de Vilalba que, cando estaba a piques de xubilarse, coñeceu por casualidade a Branka e soubo do seu soño xusto nun momento no que o centro contaba con moitos libros descartados.

Esa gran doazón sentou os alicerces dun proxecto ao que se foron sumando os esforzos de moitas máis persoas. Recibiron libros de moita xente que a título particular quixo colaborar, e tamén outras axudas importantes para construír o espazo. Cedéronlles mesas e cadeiras, as estanterías coas que contan débense á contribución da pastelería Nimbos e de Esther de Casa Guinea (transportadas grazas a Cabarcos Motor), e tamén teñen outra especialmente singular, feita dunha barrica centenaria, doada por Puri Díaz, da adega Val do Frade. 

O mobiliario para habilitar ambos centros, coma as imprescindibles estanterías, tamén provén de diversas axudas

"O proxecto levou tempo, pero é moi satisfactorio", asegura Branka, que pensa agora en como organizar o sistema de catalogación das obras (conta que deben ter uns 6.000 exemplares, algúns deles volumes moi interesantes ou mesmo centenarios) para que logo a veciñanza, e calquera persoa interesada, poida darlles uso.

A renovación doutra biblioteca escolar, neste caso a do CPI Virxe do Monte, foi a que levou á Asociación Recreativa e Cultural San Martiño de Pino a estar agora a piques de inaugurar a súa propia biblioteca rural no local social do Mato (de titularidade municipal, polo que agradecen o apoio do Concello ao proxecto), unha arela que tiñan dende que un compañeiro levara unha enciclopedia para o local social, reforzada co agasallo de varias obras por parte do escritor Xesús Rábade Paredes ou coa cesión de 40 libros por parte dunha socia do País Vasco.

A biblioteca de Labrada estará no baptisterio da igrexa parroquial e a de Pino, no centro sociocultural do Mato

Na asociación souberon que o colexio gardaba libros no almacén, substituídos por outros novos, así que preguntaron por eles e esa conversa, co beneplácito da Consellería de Educación, tranformouse en máis en medio centro de caixas cheas de libros de literatura infantil e xuvenil, enciclopedias, diccionarios... A eles súmanse outras achegas particulares, máis pequenas pero non por iso menos importantes, coma a dunha nena da parroquia  "que trouxo dúas bolsas de libros". 

Outro colaborador, Suso Pena, creou unha aplicación para rexistrar os libros para así poder establecer un sistema de préstamos. Nos vindeiros días tamén montarán as estanterías, adquiridas pola comunidade de montes en man común Corva

A biblioteca de Xermolos pasou por outras dúas localizacións, na casa do concello e na Casa Habanera, ata chegar a actual, un local cedido por Caixa Galicia

"Tiñamos solicitada unha subvención á Xunta que non nos concederon, e falando un día co presidente dos comuneiros, José Manuel Pena Regueiro, comenteillo e daquela non dixo nada, pero despois deunos unha grata sorpresa", lembra Inés Lozano, a presidenta da asociación de Pino. Os comuneiros decidiron apoiar o proxecto e non só sufragaron as estanterías, senón que tamén melloraron o local cuns estores e prevén instalar tamén un equipo de son e un proxector. 

"Vai quedar perfecta", asegura Inés, ilusionada cunha biblioteca que xa ten data e presentación oficial: o acto de entrega de premios do V Certame de Poesía Torre de Caldaloba previsto para mediados de novembro. 

Biblioteca de Xermolos. C.PÉREZ
Biblioteca de Xermolos. C.PÉREZ

Un e outro proxecto enchen de orgullo e de ilusión aos seus promotores que, se cadra sen sabelo, comparten propósito co que levou á asociación cultural Xermolos a crear a súa biblioteca en Guitiriz, unha instalación que leva máis de 40 anos funcionando.

"Foi a primeira iniciativa de Xermolos, pensamos que os libros axudan a crear convivencia e igualdade e queriamos poñelos ao alcance de todos e hoxe hai moitas bibliotecas, pero daquela case non había", recorda o coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, que bota a vista atrás para lembrar as distintas etapas da biblioteca. 

Comezou no segundo andar da actual casa do concello, cando marchou de alí o cuartel da Garda Civil, e logo pasou a actual Casa Habanera, para finalmente asentarse onde está hoxe, na Rúa do Concello, grazás ao apoio de, por aquel entón, Caixa Galicia, que cedeu tanto ese local coma despois o da Casa das Palabras

Xermolos non só apostou por crear unha biblioteca, senón tamén por editar as súas propias obras, sobre todo de autores chairegos ou relacionadas coa comarca

Xermolos recibiu libros doados pero tamén investiu fondos non só en adquirilos, senón tamén en crealos, editando a colección As Nosas Raíces ou apostando pola literatura infantil e xuvenil ou por publicacións colectivas ao redor de figuras destacadas, coma Manuel María, Xosé María Díaz Castro ou Fiz Vergara Vilariño.

"Publicamos sobre todo de xente da Terra Chá", precisa Alfonso, que cita a Díaz Castro ou o libro sobre Xermolos 12 anos na busca da nosa identidade coma as súas primeiras apostas pola edición propia.

Ademais de enciclopedias ou todo tipo de obras literarias, a gran colección de Xermolos inclúe fondos cedidos por Díaz Castro, co propósito de levalos para a súa casa natal cando esta se restaure; a biblioteca persoal de Bernardo García Cendán, legada por el mesmo; ou un espazo dedicado a Manuel María.

Casa das Palabras. C.PÉREZ
Casa das Palabras. C.PÉREZ

A ampliación da biblioteca coa creación da Casa das Palabras foi o fito máis importante dende a súa fundación, a finais dos 70. Nela hónrase á palabra escrita, ofrecendo mesmo orixinais de Otero Pedrayo ou Ramón Piñeiro; á tradición oral, a través das lendas representadas nun mural escultórico de Xavier Quijada; e tamén á palabra viva, ao ser un espazo de xuntanza para asociacións, veciños ou escolares, estes últimos convocados polos IES Poeta Díaz Castro, que fixo deste espazo, no que poden repasar a historia da lingua galega dende a Idade Media ata actualidade, unha das paradas do roteiro A Fábrica dos Poetas. 

"Pensamos que a palabra é fundamental e merece unha homenaxe", explica Alfonso, por se fose necesario xustificar a razón dun nome que, coma todos estes proxectos, falan por si sós.

Servizo: doce instalacións públicas municipais

Todos os municipios da zona, agás o de Ribeira de Piquín, dispoñen dunha biblioteca pública municipal e boa parte delas están integradas actualmente na Rede de Bibliotecas de Galicia. 
Nova localización
A biblioteca Rivera Rouco das Pontes, que conta cun programa estable de actividades como os Xoves na Biblio e fomenta iniciativas coma as casetas de libros na rúa para promover o bookcrossing, afronta unha nova etapa. As súas tradicionais instalacións na Praza de América pasarán a historia pola reforma urbanística da zona, polo que estreará nova localización no edificio do mercado. 
María Moliner
Se hai un centro de referencia pola súa proxección dende un pequeno concello, esa é a biblioteca de Xermade, que conta con seis premios María Moliner do Ministerio de Cultura polos proxectos de fomento da lectura que desenvolve.
Centro de actividades
A biblioteca de Vilalba é unha da que conta cun programa máis amplo de propostas, ademais de ter un fondo de máis de 20.000 exemplares, con obras clásicas, curiosas ou pouco comúns. Tamén está pendente dunha reforma para acoller unha doazón de Agustín Fernández Paz. 
Escolares
Tamén é destacable a aposta dos centros por contar con bibliotecas vivas e activas. O Ceip de Muimenta uniuse este curso ao Plambe da Xunta, no que xa están outros 14 colexios e seis institutos da zona.

Comentarios