A parroquia vilalbesa de Santaballa viaxa no tempo á época dos indianos

A contorna da centenaria escola habaneira acolleu con éxito unha feira que ofreceu charlas, música ou exhibicións de baile
undefined
photo_camera Asistentes ao ágape de irmandade caracterizados de época. M. MANCEBO

A parroquia vilalbesa de Santaballa volveu subir un ano máis na máquina do tempo para viaxar á época dos indianos na súa consolidada feira, que se encadra dentro das XIII Xornadas sobre Migracións Indianas, e que acadou onte un novo e rotundo éxito.

O evento, organizado pola Liga Santaballesa para honrar a aqueles veciños que tiveron que facer as maletas en busca dunha vida mellor e logo de enriquecerse axudaron aos que quedaron aquí, e que conta co patrocinio da Deputación de Lugo e coa colaboración do Concello de Vilalba, iniciouse coa inauguración da mostra Luces de alén mar, cedida polo Consello da Cultura Galega.

                      Asistentes ao ágape de irmandade caracterizados de época e un momento da exhibición de bailes cubanos de Edro Dance.
Un momento da exhibición de bailes cubanos de Edro Dance. M.MANCEBO

Ao acto inaugural, que se desenvolveu na escola centenaria, participaron varias autoridades, entre elas a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, ou a deputada provincial de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira.

Esta puxo en valor o encontro que "visibiliza a importancia que tivo a migración no progreso cultural e económico de Santaballa" e destacou "o rico legado que deixou a emigración nestas terras vilalbesas", poñendo o acento no valor cultural e histórico deste "tipo de eventos que contribúen a dinamizar o turismo e a economía".

Logo da inauguración, celebrouse a mesa redonda As escolas da emigración, moderada por Daniel Manuel Vázquez Vila e amenizada pola música de David Vilares, unha ponencia cuxa temática tamén centrará a última xornada que se desenvolverá o 4 de novembro, segundo avanzou Isidro Cillero, presidente da Liga Santaballesa, e que ofrecerá visitas guiadas á escola, exposicións, tertulias e actuacións musicais.

Así mesmo, Cillero tamén adiantou que a idea da asociación vilalbesa é exercer de anfitrións na próxima edición da Feira Indiana "nun encontro de todas as sociedades das máis de 300 escolas que hai construídas por Galicia".

"É de xustiza pelexar por manter estos edificios e poñelos en valor. Tamén é necesario buscar subvencións para poder recuperalos en caso de abandono e darlles un uso", engadiu, recordando que a sociedade de Santaballa data de 1907, e que as obras da escola finalizaron dez anos despois.

A programación da feira proseguiu coa actuación do dúo Matices, que foi o encargado de animar a vermú coas súas pezas de música caribeña, que precederon a un xantar de irmandade ao que asistiron en torno a 140 comensais.

Durante a sobremesa, os asistentes puideron desfrutar das exhibicións de bailes tradicionais cubanos a cargo de Edro Dance, ademais das actuación e pasarrúas do dúo Matices, Toxo Guayara e David Vilares.

Os máis pequenos estreáronse con xogos tradicionais coma a rá ou os zancos, seguindo as certeiras indicacións dos seus maiores, que tamén aproveitaron en moitos casos para adquirir algún dos produtos de artesanía que estaban á venda nunha vintena de postos que rodeaban a escola habaneira vilalbesa.

A tradicional queimada popular teatralizada por Manolo Rubiños Ferreiro e as melodías de Toxo Guayara puxeron o punto e final a unha Feira Indiana que logrou achegar a Santaballa "moita máis xente da que esperabamos", confirmou Isidro Cilleiro, caracterizado de época como moitos outros veciños.

Comentarios