Un parque vivo e de futuro para os veciños do corazón da Terra Chá

O Concello recupera en Feira do Monte uns terreos comunais de case 40.000 metros cadrados que son "o 50% do pobo"
Armando Castosa, no parque biosaludable. C. PÉREZ
photo_camera Armando Castosa, no parque biosaludable. C. PÉREZ

No corazón desa Terra Chá da que falaba Manuel María, nuns tempos nos que as abreviaturas, os acrónimos e a brevidade que esixen as redes sociais mandan, en Cospeito acaban de darlle un novo significado a esas tres letras que acubillan un mundo. E se fosen unhas siglas? As verbas máis acaídas para agocharse detrás delas serían Ciencia, Historia e Arte. Alguén o dubida?

O alcalde, Armando Castosa, tiña claro que eses tres pés son os que debían sustentar o proxecto de acondicionamento e posta en valor de preto de 40.000 metros cadrados de monte comunal de tituralidade municipal que estaban sen uso, practicamente abandonados, pero que ofrecían un milleiro de posibilidades, dada a súa extensión, case equivalente ao propio núcleo da Feira do Monte, como pola súa localización, na capitalidade municipal.

"Tiñamos claro que queriamos crear un gran parque, un espazo con cabida para a historia, as ciencias, a natureza, a arte e que fose un lugar de lecer, pero tamén pedagóxico"», explica o rexedor cospeités sobre un proxecto que define como "fundamental" para o seu goberno e que daba os seus primeiros pasos en 2018, cando comezaban as conversas cos veciños que historicamente fixeran uso dos terreos.

"Aínda que son terreos municipais, os veciños usáronnos dende os anos 50, para plantar hortas ou cousas así, e aínda que agora xa case estaba todo cuberto de maleza, falouse con eles para presentarlles o proxecto, a nosa idea de recuperar a zona e todos estiveron de acordo, polo que non podemos máis que agradecer a súa boa disposición", precisa Castosa. Apunta que tamén se lles deu a opción de retirar a madeira que había na zona, que mesmo sufríra un incendio hai uns anos, outra das razóns que facía necesaria unha actuación no lugar.

"O 50% do pobo é este parque, que vai formar parte da vida dos veciños de Cospeito", asegura o alcalde sobre unha iniciativa da que, nos tres anos transcorridos dende o acordo cos veciños, xa se desenvolveron tres fases. E quedan máis por vir, porque se trata dun proxecto vivo que ofrece múltiples posibilidades e do que xa gozan os veciños, camiñando polos novos paseos, ou o alumnado do CPI Virxe do Monte, localizado ao carón deste novo espazo verde, igual que a igrexa, a escola infantil ou o centro de saúde.

Dende 2019 plantáronse árbores e xa se crearon un pàrque biosaludable, máis dun quilómetro de sendas e zonas de descanso

Logo da necesaria limpeza e preparación dos terreos e do saneamento das árbores existentes, os primeiros traballos, orzamentados en 43.558 euros e subvencionados en 2019 polo GDR Terra Chá con 35.935 euros, centráronse na creación dun parque biosaudable —conta con catro aparatos, dous para exercitar as extremidades superiores e dous as inferiores—, dunha zona de aparcadoiro e da habilitación das primeiras sendas do parque —delimítanse con madeira de pino e leva unha base de 25 centímetros, 15 de zahorra e 10 de xabre— con bancos estratexicamente situados, ademais de colocar tres paneis informativos dando conta das particularidades deste gran Parque Biosaudable da Ciencia, a Historia e as Artes, da flora e da fauna do lugar e dalgúns dos puntos de interese da volta.

A segunda fase acometeuse cunha axuda do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta, de case 30.000 euros, e a terceira, que está a piques de concluir, cun investimento de 40.000 euros, 26.623 subvencionados pola Axencia de Turismo de Galicia. Ambas se centraron en darlle continuidade ao proxecto do parque, ampliando a rede de sendas, que supera xa o quilómetro, recuperando o antigo camiño real dende Lugo, que subía cara a igrexa da Virxe do Monte e sinalizando a vía que leva á Lagoa de Cospeito.

Paralelamente, fíxose unha plantación de árbores —a idea é seguir plantando e facer algunha actividade cos escolares, se a pandemia o permite— e colocáronse carteis identificando especies. Tamén se prevé, optando a aquelas axudas que encaixen no proxecto, sementar herba no terreo, engadir máis mobiliario e iluminación e tamén aproveitar espazos para colocar pezas escultóricas relacionadas coa historia do municipio.

"Estou ilusionado con este proxecto, é unha actuación moi bonita que espero que quede para a historia deste pobo, para as futuras xeracións", desexa o alcalde de Cospeito, que confía en que as circunstancias vaian mellorando para poder organizar un acto inaugural con toda esa veciñanza á que vai destinado este espazo do corazón desa Terra Chá que é ciencia, historia, arte.

Comentarios