RECUNCHOS A DESCUBRIR

Parque Profesor Río Barxa (Meira): Pulmón verde dentro da nai do pai Miño

En pleno casco urbano, Meira ofrece a posibilidade de mergullarse de cheo na natureza no parque Profesor Río Barxa, un lugar que abraza e acolle ao río Miño
Parque Profesor Río Barxa de Meira
photo_camera O río Miño ao seu paso polo parque Profesor Río Barxa de Meira. M.ROCA
O lugar
Este espazo de lecer e conxunto etnográfico rodea o río Miño ao seu paso polo casco urbano meirego. 
Personaxe
Recibe o nome do profesor, historiador, escritor e académico Francisco Xavier Río Barxa (Lugo, 1919-Tenerife, 2011), que propuxo que o río Miño nace no Pedregal de Irimia, a tres quilómetros de Meira.
Divulgación
Pódese percorrer o parque seguindo unhas balizas de cores que levan a descubrir cinco paneis con información sobre as árbores, así como unhas fichas para coñecer 20 exemplares destacados deste lugar. 

Parque Profesor Río Barxa de MeiraEn pleno casco urbano, Meira ofrece a posibilidade de mergullarse de cheo na natureza no parque Profesor Río Barxa, un lugar que abraza e acolle ao río Miño que neste punto semella un «lanzal mozo» despois de nacer no Pedregal de Irimia, tal e como recolle o poema de Avelino Díaz dedicado ao pai dos ríos galegos.

Estes versos do poeta meirego son só un dos segredos e sorpresas que agocha este recuncho natural, que conxuga á perfección exercer de espazo de lecer e conxunto etnográfico, cun muíño rehabilitado —que ademais é restaurante—, un hórreo, un cabazo, un cruceiro, sendas, esculturas, un escudo e ata unha réplica en arbusto do rosetón da igrexa de Santa María. 

Parque Profesor Río Barxa de Meira

Todo isto xunto a un río sempre cambiante, que domina os sentidos, sobre todo a vista e o oído. Porque neste parque nada perturba o son da natureza, salvo que sexa a hora do recreo e os xogos dos nenos e rapaces dos centros educativos próximos enchan de algarabía a paz que se respira neste recuncho verde.

Un parque para visitar e desfrutar en calquera época do ano: coa enchente ruidosa do Miño no inverno, co verdor da primavera, coas sombras baixo as que acubillarse no verán ou coa explosión de cor no outono. Un lugar para percorrer sen mirar o reloxo.

Comentarios