Parga lembra a Ofelia Rodríguez, unha mestra que soubo facer pobo

O Concello de Guitiriz e Xermolos honraron "unha muller adiantada ao seu tempo" nun acto enmarcado por Rosalía de Castro
Acto en memoria de Ofelia Rodríguez no muelle de Parga, onde se pode ver a exposición da casa de Rosalía. C.P.
photo_camera Acto en memoria de Ofelia Rodríguez no muelle de Parga, onde se pode ver a exposición da casa de Rosalía. C.P.

Co gallo do cabodano da mestra Ofelia Rodríguez Díaz, Xermolos e o Concello de Guitiriz uniron forzas para lembrar "unha muller adiantada ao seu tempo", como a definiu a alcaldesa, Marisol Morandeira, que deixou numerosas leccións, das que Alfonso Blanco salientaba as que "axudaron a coñecer a vida, a historia e a veciñanza de Parga", unha localidade "cunha grande importancia da nosa comarca".

Foi aí, na súa vila natal, onde se promoveu o acto en recordo de quen "axudou a entender mellor a filosofía deste pobo", segundo destacaba Blanco, que detallaba experiencias compartidas: "Sei o ben que fixo". E falaba da súa implicación na educación do alumnado e para solucionar calquera problema deste, así coma as súas achegas, xunto a outros veciños, a través da asociación A Raxeira. "Fai un ano que nos transmitiu a súa vida para sempre", defendeu o coordinador de Xermolos, desexando que quen a coñeceu se siga "contaxiando co xeito que tivo e segue tendo Ofelia" e agradecéndolle á familia que manteña viva a quen será "mestra para sempre".

"Unha forma bonita de facer cultura é manter viva a lembranza de persoas como Ofelia; tan importante como manter a memoria de Rosalía é manter a desa xente que a menor escala tamén fixo moito por todos nós", dixo a deputada Iria Castro nun acto celebrado no muelle ferroviario e enmarcado pola mostra, coa que colabora a área de Cultura da Deputación, sobre os 50 anos da fundación da casa museo Rosalía de Castro, escritora da que Ofelia, que gustaba de escribir, era "devota".

E lembranzas non faltaron, coma a súa vitalidade ata o seu pasamento, aos 88 anos, os seus inicios na escola de Anxeriz (Friol) ou o seu paso pola unitaria de Miraz, onde puxo en marcha o primeiro comedor escolar. Pasaba tamén por Roca e hai medio século chegaba a Parga, cando se creaba o grupo escolar. E neste tempo, foi usando todos os medios de transporte para ir dar clase: a pé, en bicicleta "de muller", bici con motor, unha Lambretta e un Seat 600.

Comentarios