Pardiñas volve fusionar a música e artesanía galegas

O festival mais lonxevo de Galicia achega un programa repleto de actividades e actuacións para promover a cultura galega
Espectáculo de malabares nunhas das anteriores edicións do festival de Pardiñas. AEP
photo_camera Espectáculo de malabares nunhas das anteriores edicións do festival de Pardiñas. AEP

O festival máis senlleiro de Galicia volta este fin de semana con toda a súa esencia. Tras dous anos de celebracións a medias a cadraxésima terceira edición de Pardiñas recupera todos os elementos característicos dunha da citas máis importantes do panorama musical do folclore galego.

O festival contará como é costume cunha programación repleta de actividades culturais e deportivas e actuacións musicais. Recuperanse con normalidade a Mostra de Artesania e a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional. Ademais, para quen queira aproveitar ao máximo o tempo no festival poderase desfrutar de balde da zona de acampada.

Esta edición, que se estenderá ata a madrugada do domingo, comeza este venres as 20.30 horas co certame de cantos de taberna. A deste ano é a oitava edición deste concurso que se celebra polos bares da vila de Guitiriz e no que pode participar calquera persoa con gañas de dar cante.

A xornada do sábado comezará cun aberto de billarda, xogo típico tradicional galego, co que grandes e pequenos pasarán un anaco divertido. Ao remate da competición abrirán a XLIII Mostra de Artesania e a XXIX Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, que constituen dúas das citas mais relevantes do festival de Pardiñas.

As mostras estarán inaguradas por un dos pregoeiros desta edición, o escritor Xerardo Fernandez Santomé. A continuación terá lugar a actuación do grupo de gaitas Xirifeiros que poñerán a nota musical da tarde, antes da carreira popular que comezará arredor das 19.00 horas.

Pola noite a música alongará a festa ata que o corpo aguante con concertos de  diversos grupos. Sucederánse as actuacións musicais de man de bandas ‘míticas’ do panorama galego como Comando Curuxas e Ruxe Ruxe, xunto ao grupo de  inspiración celta Fourth Moon e o español No Reply.

O domingo o mercados artesán abrirá dende as 11.30 ata a tardiña. Tamén terá lugar un obradoiro de treboada, dirxido por Oli Xiraldez ás 12.30.

A nota musical da sesión vermú a poñerá o grupo Rabeira. Pola tarde, os mais cativos poderán desfrutar do espectáculo do mago Abracadáver. Seguidamente Nuria Gesteira fará bailar ao público co seu obradorio de danza tradicional. Ás 18.00 actuará o grupo de pandeiretas Ultreia. Unha hora despois, o escritor e filólogo Séchu Sende lerá o seu pregón e outorgaranse os premios aos gañadores do Certame Terra Chá de creación infantil e xuvenil.

Pouco despois comenzarán as actuacións musicais da tardiña, que contarán coas bandas galegas, Carapaus, Tandub e Festicultores. E tamén co músico de orixe vasco Xabi Aburruzaga, que poñerán fin a esta edición de Pardiñas.

Tras estes dous anos limitados pola pandemia os organizadores do festival, os integrantes da asociación cultural Xermolos aseguraron estar especialmente  emocionados con esta edición. Ainda que estes anos non se deixou de celebrar o festival para non perder a tradición, si tivo que modificarse repartindo e limitando as actividades, para adaptarse as medidas impostas pola pandemia.

Por iso este ano é tan especial e tan esperado, xa que volta a celebrarse coma sempre, recuperando a súa esencia e a tradición de tantos anos que leva a Pardiñas a ser un dos festivais mais relevantes a nivel galego.

Comentarios