Pardiñas péchase con 3 días de actos con concertos, o Witiricus e un pasaaldeas

A nai e o fillo de Xela Arias, Amparo Castaño e Darío Gil, participarán o sábado en Guitiriz na entrega de premios do Certame Terra Chá
Backwest. EP
photo_camera Backwest. EP

O XLII Festival de Pardiñas péchase esta fin de semana con outros tres días de actos, que incluirán diversos concertos, o IV Urban Witiricus e un pasaaldeas por Pardiñas.

A programación deseñada pola asociación cultural Xermolos para despedir esta atípica edición dará comezo este venres 27 no Campo da Feira de Guitiriz, onde a partir das 21.00 horas haberá concertos dos irlandeses Backwest e dos ourensáns Guezos. Previamente, haberá un pasarrúas pola vila con Asubíos da Chaira.

Os concertos son gratuítos, pero o aforo é limitado, polo que é necesario reservar entrada remitindo un correo a [email protected]. A retirada das mesmas farase media hora antes do inicio do evento.

O sábado 28, tamén no Campo da Feira guitiricense, a cuarta edición do Witiricus ofrecerá ás 18.00 horas un espectáculo de Paco Nogueiras dirixido ao público infantil, tralo que se levará a cabo a entrega de premios do XLII Certame Terra Chá de Creación Infantil e Xuvenil, na que participarán Amparo Castaño e Darío Gil Arias, nai e fillo, respectivamente, de Xela Arias, homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas.

Sabino. EP

Os actos completaranse coa proxección dalgúns traballos premiados e as actuacións, a partir das 21.00 horas, de High Paw e Sabino, para os que tamén é necesario reservar entrada. Tamén estaba prevista a realización dun grafitti, que se aprazou por razóns alleas á organización.

O fin de festa do festival celebrarase o domingo 29 no lugar que lle dá nome á tradicional cita, cun pasaaldeas polos barrios de Pardiñas a partir das 11.00 horas a cargo dos Carunchos, que despois porán o broche de ouro cunha sesión vermú na Casa das Artes.

Os Carunchos. EP

 

Comentarios