miércoles. 12.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 12.08.2020
El tiempo

De Pardiñas a Parga, un xeito de facer festa

A Mostra de Instrumentos estreou ubicación mantendo o espírito de encontro entre artesáns e músicos nun ano "complicado para a cultura"

Con moitas medidas de seguridade e tamén moitas ganas, a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas estreou este sábado un novo escenario, enchendo de sons e música os cabanóns do Campo da Feira de Parga. Un marco especial para unha cita na que a cultura galega desborda polos catro costados.

A xornada do sábado, que alcanzou a súa vixésima sétima edición, serviu de punto de encontro de preto de 40 artesáns e tamén de partida para un Festival de Pardiñas diferente, xa que será itinerante, con actividades en distintas parroquias de Guitiriz, e prolongarase todo o mes de agosto.

Aínda así, o espírito da mostra non mudou e incluso adáptase aos tempos actuais. "É un punto de encontro moi positivo, pois ademais de ser un lugar de comunicación entre os artesáns e os músicos, tamén o é entre os propios artesáns, pois todos temos como fin a mellora dos nosos instrumentos. E este ano tan complicado para a cultura e para todo o conxunto da música tradicional en todas as súas ramas, fai que a mostra sexa tamén un encontro no cal intercambiar puntos de vista de como atallar esta situación", afirmou Afonso Castro, un fixo e un dos impulsores desta cita e pregoeiro deste ano.

Mostrou ademais o "honor moi grande" que lle supoñía ser o pregoeiro dun encontro polo que "foron pasando persoas moi importantes da nosa cultura" e que ademáis é "a mostra máis representativa" en canto a participación, por "ser un referente entre artesáns e músicos e manter e potenciar o noso xeito de facer festa e baile".

A xornada tamén tivo un recordo especial para un dos grandes artesáns da gaita, coa presentación do libro centrado na súa figura Xosé Manuel Seivane Rivas. A gaita con maiúscula, de Xosé Manuel Sánchez Rei, e completouse cunha interesante mesa redonda sobre o presente e o futuro do oficio de artesán de instrumentos, un obradoiro de baile tradicional e o concerto de Tres Pesos.

"Houbo moita xente, pero toda cumprindo as normas. Na mesa redonda habería case unhas 200 e despois foi un goteo continuo de persoas. A xente estaba con ganas de vir e estar en Pardiñas e celebrar a mostra", apuntou Xaneco Tubío, presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos, organizadora desta cita.

De Pardiñas a Parga, un xeito de facer festa
Comentarios