Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

Pardiñas, moito máis ca música

Presentación do Festival de Pardiñas. EP
Presentación do Festival de Pardiñas. EP

O festival máis lonxevo de Galicia, que cumpre 39 anos, ofrecerá do 3 ao 5 de agosto un completo programa con concertos, artesanía, deporte, literatura ou valores

Pardiñas "non é só música", aseguraba o polifacético Xurxo Souto dende o público asistente á presentación, na cervexería Estrella Galicia de Catro Camiños da Coruña, da trixésimo novena edición do festival, que se desenvolverá con múltiples actos do 3 ao 5 de agosto en Guitiriz como cada ano.

Esta sentida e espontánea intervención referendábaa un dos poñentes do acto, o músico Xosé Lois Romero, para quen Pardiñas "non é un festival música, senón de valores, a música é só unha desculpa". O poder do asociacionismo, a convivencia, o carácter interxeracional do festival ou a potenciación do rural e da cultura popular son algúns deses valores "positivos e necesarios" aos que aludía Romero, para o que verse "enriba do mesmo escenario de grupos aos que cando eu era cativo admiraba é das cousas máis bonitas que me poden pasar".

Carlos Meixide pregogará o XXXIX Festival de Pardiñas e Xan Silvar e Raparigos farán o propio na XXV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional

Verá cumprida esa ilusión o domingo 5, acompañado de Aliboria. E os presentes na cervexería coruñesa puideron gozar dun pequeniño adianto ao interpretar Romero, acompañado por Cris Sánchez, un canto de Laxoso e a muiñeira do Ons.

Os concertos dese día inauguráraos Airiños da Freba ás 20.30, nunha velada na que tamén tocarán os irlandeses Sin A Deir Sí e os galegos Turre’s Band, que ademais amenizarán a sesión vermú.

Por outra banda, o programa do sábado contará coas actuacións dos locais Bloquinho de Xermolos; dos grupos galegos Faíscas da Pontagra e Banda Xangai, que pechará a noite; e das formacións internacionais TT Syndicate, de Portugal, e Kumbia Boruka, de México.

Belén Morandeira, integrante da asociación cultural Xermolos e da organización do festival, detallou o programa de actos, no que tamén figuran un aberto de billarda, diversas exposicións, a XXXIX Carreira Popular de Pardiñas, na tarde do sábado, ou a coetánea Mostra de Artesanía, que citará a un cento de postos ao longo de toda a fin de semana. Neste recinto, ás 16.30 horas do día 5, terá lugar o Concerto Punkinfantil, destinado aos máis pequenos, que tamén serán os protagonistas da entrega de premios do tradicional Certame de Creación Terra Chá, cun cento de obras galardoadas.

Os cantos de taberna, nos que os grupos interesados en participar aínda poden apuntarse, animarán a véspera do festival, como ocorre dende hai xa seis anos 

O pregón, o domingo ás 19.00 horas, correrá a cargo de escritor Carlos Meixide, autor do libro Guitiriz, mentres que de inaugurar a XXV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, que organiza a Asociación de Gaiteiros Galegos no marco de Pardiñas, se encargarán Xan Silvar e Raparigos, o sábado ás 17.00 horas.

E para abrir boca, o venres 3 será o VI Dalle ao Cante Pardiñas, un concorrido encontro de cantos de taberna polos bares de Guitiriz, no que os que queiran participar aínda se poden inscribir no correo [email protected] ou chamando ao 646.60.93.09

Tendo en conta todo isto, non resulta estraño que Estrella Galicia veña de renovar por dous anos máis o seu apoio constante das últimas 15 edicións. Víctor Mantiñán, responsable de patrocinio de Hijos de Rivera, destacou o orgullo da marca por promocionar a cultura galega e colaborar cun festival que é un referente.

Pardiñas, moito máis ca música
Comentarios