Pardiñas, o manancial que fai tribo

O festival guitiricense celebra as súas catro décadas de vida homenaxeando a quen ao longo deste periplo sumou para perpetuar a Feira e Festa da Música e da Arte. Un pregón colectivo e un concerto senlleiro, Cantando as Corenta, a cargo da banda Pardiñazo, son a punta dun iceberg que a primeira fin de semana de agosto volve converter un pequeno recuncho rural ao carón dun balneario no epicentro da cultura galega.
Banda Pardiñazo. XAN XOVE
photo_camera Banda Pardiñazo. XAN XOVE

PARDIÑAS

Non o sintes? /Xa se nota piar ás gaitas, /ladrar ás pandeiretas.

Ai Pardiñas, Pardiñas... /que rápido marchas, /e que lento nos chegas.

Xermolou a festa, /a xuventude e a alegría, /xermolou aquí, /a que esperas dar visita?

Non sexas parva, /vente /arrinca, /disfruta desta maxia /que sen ter un duro, /me fai sentir rica.

        Fátima Fernández García Chascarraschás

 

"CANDO PARDIÑAS COMEZOU era un festival escaso, que tiña moi poucas posibilidades, ninguén daba un peso por el", asegura Baldomero Iglesias, Mero, un dos fieis que non se perderá a edición XL desta Feira e Festa da Música e da Arte que ao longo destas catro décadas "deu coa variña máxica do que se entende por cultura galega e tradicional, soubo conxugar arte, poesía, relato e música en todos os estilos" e hoxe é "un exemplo de fortaleza e resistencia, en pleno auxe".

Chegar a cumprir 40 é "unha meta soñada por infinidade de xente nova, de voluntarios e de voluntarias que están arrimando o ombro dende fai décadas", engade Alfonso Blanco, ese crego de aldea que percorreu os festivais de Galicia para medir as forzas daquel proxecto que a asociación cultural Xermolos quería pór en pé. "Había dúbidas sobre o futuro cando empezamos, estivemos case dous anos dándolle voltas", lembra. 

Alfonso Blanco: "É a expresión máis forte durante o ano de amizade, de busca de beleza e de loita pola igualdade e a convicencia"

Pero arrincaron, e lograron crear unha marca que 40 anos despois mantén todos os seus sinais de identidade e todas as pezas que a fixeron única, coma a a carreira popular, a mostra de artesanía, o certame de relato e debuxo infantil... e as que foi sumando no seu longo camiñar, coma a Mostra de Instrumentos da Música Tradicional ou os cantos de taberna.

"Pardiñas é a expresión máis forte durante o ano de amizade, de busca de beleza e de loita pola igualdade e a convivencia. Somos unha familia que estreita os vencellos no mellor tempo e espazo, nunha explosión de emocións que nos permiten ver que outro mundo é posible, o do respecto ás diferenzas", destaca Alfonso, que se mantén na primeira liña espremendo eses "momentos íntimos de comunicación con amigos e amigas que che dan alento".

Xurxo Souto: "Cantando as Corenta será un feito único na cultura galega contemporánea, non hai orzamento que pague isto"

"Pardiñas convoca a cultura de Galicia e fai unha defensa do mundo rural", engade Mero nese alegato común das virtudes do festival guitiricense, no que o vindeiro domingo, coma tantas outras veces, volverá ter un papel activo nun dos clásicos: o pregón. E non estará só. A que ía ser unha intervención a dúas bandas, entre Mero e Miro Casabella, trocou nunha xuntanza de amigos, nunha homenaxe "a toda aquela xente do colectivo da canción galega dos anos 60 e 70". Convidaron a Pilocha, a Quintas Canella e a María Manuela, que xa estivera na primeira edición.

"Daquela estabamos todos, moitísimos, e pasábase sempre ben", di María Manuela botando a vista atrás a aqueles encontros de antano, que o domingo agarda repetir en Pardiñas: "É marabilloso que se siga xuntando así a xente, e será bonito poder facelo agora con estes compañeiros". Uns amigos que, malia ao tempo transcorrido, se manteñen fieis na misión dos comezos: "O mellor de todo é que todos os que participan no pregón están en activo, dan concertos e seguen divulgando a música tradicional", conclúe Mero. 

Richi Casás: "Foi difícil escoller pezas emblemáticas, porque por Pardiñas pasou todo o mundo que fai música en Galicia"

Se a canción galega de autor centrará o pregón, o concerto argallado pola efeméride, Cantando as Corenta, repasará todos os ritmos que se fixeron sentir xunto ao balneario de Santo Domingo.

O domingo á noite, a banda Pardiñazo subirase ao escenario para un evento especial, inédito, único e efémero. "Pensouse en crear un espectáculo propio en vez de contratar moitos grupos" detalla Xurxo Souto, un dos implicados no que será "un feito único na cultura galega contemporánea, non hai orzamento que pague isto", co que homenaxeará a traxectoria de Pardiñas dende aquel primeiro chamamento, Vinde merendar a Pardiñas, exemplificando o que el define coma "a metamorfose do pogo ao punto". "Con 15 anos, a miña máxima ilusión era ir a Pardiñas", di Xurxo, que foi pregoeiro e pasou con distintos grupos polo escenario do festival.

Mero: "O mellor de todo é que todos os que participan no prgón están en activo, divulgando a música tradicional"

Igual ca Richi Casás, director da banda Pardiñazo. "Enredounos a todos Xurxo, o ideólogo desta marabilla", precisa un músico ao que esta iniciativa lle fixo ser consciente "da importancia da asociación e dos voluntarios, son xente humilde facendo cousas extraordinarias". Richi leva un mes á fronte dos ensaios para darlle forma a un recital que repasará non só a historia de Pardiñas, senón tamén a da música galega. "Foi difícil escoller pezas emblemáticas —tocarán unhas 40— porque por Pardiñas pasou todo o mundo que fai música en Galicia".

Inspirándose na lenda medieval de Tristán e Isolda, eles contarán a historia de Martiño e Sara, dous rapaces "que viviron o festival dende que naceron". Imaxínanse como sería a súa vida e póñenlle unha banda sonora composta por versos de Manuel María ou clásicos coma o Sara, Sariña dos Cempés, peza "emblemática» que a Richi lle fai especial ilusión "regalarlla ao público".

María Manuela: É marabilloso que se siga xuntando así a xente e para min é bonito poder facelo agora con estes compañeiros"

Á banda sumaranse os "talentos locais" do grupo de gaitas, da coral e de Bloquinho de Xermolos. E tamén nomes históricos da música do país: Pepe Vaamonde, Xurxo Souto, Kevin Weatherill (Inmaculate Fools), Susana Seivane, Antón Reixa, Uxía, Xosé Manuel Pereiro e Sito Carracedo, titular dun obradoiro de portas abertas en Pardiñas, do que xurdiron inventos coma o peitoque, os pitos ou o higrotapón e se recuperaron diversas gaitas europeas. Abría as súas portas hai uns 25 anos de forma temporal —a Xunta quería crear un taller-escola na Habana— pero ata o hoxe nunca pecharon.

Se hai algo que identifica o festival tanto coma a música, ese é o cartel, reproducido en camisetas e froito da creatividade de diversos artistas do país. "Ten que ser algo que provoque a atención nas rúas ou nas redes, que implique aos festivaleiros e festivaleiras", di Alfonso, que detalla que para a significativa edición se escolleu a Leandro Lamas, "pola calidade da súa expresión, polos seus valores estéticos e polo seu compromiso".

Leandro Lamas: "Inspireime no ambiente que hai aí, non tanto nos concertos coma no que vai xurdindo a pé de campo"

"Inspireime no ambiente que hai alí, non tanto nos concertos coma no que vai xurdindo a pé de campo, cando se xuntan dúas ou tres persoas a tocar", precisa Leandro, que quixo plasmar o espírito "familiar" que se respira en Pardiñas. "Que conten contigo para unha cousa que che gusta é unha marabilla, do máis bonito que hai", valora, salientando o traballo que se fai ao redor do festival "para dignificar a nosa música tradicional". 

Axenda (para non perder nada) do XL Festival de Pardiñas
Venres 2
20.30. VII Certame de cantos de taberna Dálle ao Cante polos bares de Guitiriz, coa colaboración da hostalaría.
Sábado 3
16.00. Apertura da XL Mostra da Artesanía e inicio dun aberto de billarda.
17.00. Apertura da XXVI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos. O artesán Lois Mourinho será o encargado de ler o pregón e ao longo da fin de semana haberá obradoiros, demostracións e sorteos.Cartel do XL Festival de Pardiñas. LEANDRO LAMAS
18.00. Concerto de As Cantigas de Elena no escenario da Mostra de Instrumentos.
19.00. Saída da XL Carreira popular de Pardiñas.
20.00. Animación musical con Bloquinho de Xermolos (participa no festival dende 2011).
21.00. Concerto de Os Melidaos (xa estiveron en 2017, Galicia), Harmonica Creams (2013, Xapón), Habelas Hainas (2015, Galicia), Dubhlinn & Anxo Lorenzo (2016, Irlanda e Galicia) e Zënzar (2008, Galicia).
Domingo 4
11.30. Apertura dos postos da XXVI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional e da XL Mostra de Artesanía de Pardiñas.
13.00. Vermú no campo cos Rueiriños (1983, Galicia).
16.30. Pardiñas Miúdo, coa actuación de Peter Punk (2013, Galicia)
19.00. Pregón musical conxunto con Pilocha, Miro Casabella (1983), María Manuela (1980), Quintas Canella (2012) e Mero (1983). Logo, entregaranse os premios do XL Certame de creación Terra Chá, nos que resultaron premiados máis dun cento de escolares de toda Galicia.
20.30. Actuación dos Carunchos (1995, 1998, 2000, Galicia).
22.00. Inicio do concerto Cantando as Corenta, conmemorativo das 40 edicións do Festival de Pardiñas
1.30. Actuación de TT Syndicate (2018, Portugal), coa que se pechará o XL Festival de Pardiñas, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia.

Comentarios