viernes. 23.08.2019 |
El tiempo
viernes. 23.08.2019
El tiempo

Pardiñas leva moi ben os 40

O festival de Guitiriz celebra o seu cuadraxésimo aniversario cunha grande afluencia de público, un monolito conmemorativo e un concerto único 

A PEQUENA PEPA, de só tres meses, está a vivir co sorriso debuxado na cara o seu primeiro Festival de Pardiñas. "Tiña que vir", di a súa nai, unha máis entre os milleiros de persoas que nesta fin de semana rachan co repouso que adoita rodear ao longo do ano ao balneario de Santo Domingo. Ata que chega a Feira e Festa da Música e da Arte de Guitiriz.

No seu 40ª aniversario, o XL, non faltan os de sempre; coma Lucía Rivera, José María do Curro Vello e os seus pequenos, Lois e Mario. "Esta é unha cita ineludible, hai que vir si ou si, para recargar as pilas", aseguran os adultos. Tamén os pequenos teñen claro o que é para eles Pardiñas: "Un lugar para disfrutar", precisa Lois. "Para xogar", engade Mario.

E das caras coñecidas que un ano máis non marcharán sen facer a tradicional foto de familia, ás que volven tras anos de ausencia. Clara Varela, de Caión (A Laracha), veu por última vez hai 22 anos. "Esto é outro mundo, naquela época só había un palco para as actuacións e unha pequena mostra de instrumentos e de artesanía", di ollando a vida que enche a XXVI Mostra de Instrumentos da Música Tradicional.

XL PARDIÑAS SABADO (42)No palco desta, un dos fundadores, o artesán Lois Mouriño ofrecía instantes antes un pregón no que agradecía ao luthier residente, Sito Carracedo, os inicios como artesán e os da mostra, dando conta tamén dos cambios experimentados dende aquel 1992 e lembrando aos que xa non están.

"Dende aquí quero animarvos a seguir co voso traballo, porque sen instrumentos e música galega a cultura desta país estaría moi coxa", aseguraba o pregoeiro cunha afirmación que se constataba só con ver, oír e sentir o espírito que crean 40 anos de festival.

Ese que o canteiro local Ramón Villar inmortalizou nunha escultura pétrea que xa recibe aos festivaleiros, o que lembra na mostra conmemorativa que hoxe se expón na Casa Escola de Pardiñas ou o que resoará á esta noite da man da banda Pardiñazo e o concerto único e exclusivo Cantando as Corenta. Porque quen lle dá vida a Pardiñas é a xente.

Pardiñas leva moi ben os 40
Comentarios