Pardiñas latexa con máis forza ca nunca

A contorna do balneario volveu vibrar como antano, con milleiros de asistentes que non quixeron perder ningunha das propostas do cartaz, un programa que este domingo continúa con música, pregón de Séchu Sende, premios e obradoiros
undefined
photo_camera Un momento do Festival de Pardiñas. S. IGLESIA

"Foi entrar no torreiro e o corazón xa me latía diferente". Así de especial foi a volta do Festival de Pardiñas ao seu fogar, cuxa alma se espallou os últimos dous anos a outros recunchos de Guitiriz.

Ganas había, e así o fixeron saber os milleiros de asistentes que non perderon as propostas que ofrecía o cartaz, desde o aberto de billarda ata a carreira popular, sen esquecer os agardados concertos da noite, nos que Comando Curuxás, Fourth Moon e No Reply se subiron a un escenario cuxo pano baixaron Ruxe Ruxe.

A música non parou en todo o día -por algo Pardiñas é a festa da arte e da música- e entre actuacións dos Xirifeiros e de grupos que improvisaban concertos ao seu paso, os presentes foron quentando motores.

undefined
A música tradicional non faltou. S. IGLESIA

Tamén houbo tempo a visitar os máis de cen tenderetes de artesanía que se deron cita e incluso aprender cousas do oficio nalgún dos 30 postos de creadores de instrumentos de música tradicional, chegados de toda Galicia, Madrid, Palencia e Coímbra.

A eses "construtores" de sons lles adicou o investigador Xerardo F. Santomé o seu pregón, o que abría a XXIX Mostra de Instrumentos de Música Tradicional que organiza a Asociación de Gaiteiros Galegos. Para eles pregou "dúas cousas: un sistema fiscal específico e que a antropoloxía galega sexa tratada como tal". E é que, engadiu Santomé, "presidente-dictador de Xistralia", tal e como se definiu entre risas, "o obradoiro dun artesán é único, neles hai un aspecto didáctico e son un centro da lingua". Para rematar, Santomé recoñeceu que "cousas parecidas a Pardiñas pode habelas, pero Pardiñas é singular".

undefined
Pregón de Xerardo F. Santomé. S. IGLESIA

Que un festival que naceu da man dun modesto grupo, Xermolos, sopre 43 candeas é, en boa parte, cousa de Alfonso Blanco. A el, que este ano non puido asistir, lle adicou as súas palabras a alcaldesa, Marisol Morandeira: "Ben seguro que para o ano aquí estará con nós", dixo, porque Alfonso é a alma máter dun festival que reúne a vellos e novos, principiantes e veteranos. Tan veteranos como Roberto Santamariña, de Xermolos, que leva "42 anos colaborando" e, asegura, o de este sábado foi "algo espectacular".

Merce, de Mondoñedo, por exemplo, leva indo ata a parroquia guitiricense unhas tres décadas e, nesta ocasión, acompañada por Raquel, de Lalín, e Iria, de Compostela, que manifestaron que o que máis lles presta de Pardiñas "é o ambiente, así, en xeral".

O pregoeiro da Mostra de Instrumentos Tradicionais, Xerardo F. Santomé, adicou a súa intervención aos "construtores de sons"

Tamén foron en grupo Os Sedentos, de Narón, a quen lles dixeron nada máis chegar aquilo de "canto tempo sen vernos!", porque hai caras que se repiten e este ano non ía ser menos. Así foi o caso de Miguel, de Rábade, quen vai "desde pequeniño, cando me traían meus pais", e agora continúa a tradición cos seus amigos Marcos, de Lugo, que apuntaba que "estamos ofrecidos a Pardiñas"; Álex, de Barcelona; e Nerea, de Donosti, a principiante do equipo que xa prometeu volver.

Este domingo continúa a festa rachada, coa música de Carapaus, Xabi Aburruzaga, Tandub, Festicultores, as pandeireteiras Ultreia e Rabeira, ademais do espectáculo Abracadáver, o pregón de Séchu Sende, o obradoiro de baile con Nuria Gesteira e de Treboada con Oli Xiráldez e a entrega de premios do Certame Terra Chá.

Comentarios