Pardiñas, fonte de artes e oficios

A Casa das Artes acolleu unha homenaxe ao labor de Sito Carracedo e de Ramón Villar
Acto de homenaxe aos oficios, con Sito Carracedo e Ramón Villar, na Casa das Artes de Pardiñas. C. PÉREZ
photo_camera Acto de homenaxe aos oficios, con Sito Carracedo e Ramón Villar, na Casa das Artes de Pardiñas. C. PÉREZ

"Seguimos aquí". Dúas simples palabras que, pronunciadas polo coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, nun dos últimos actos programados dentro do XLI Festival de Pardiñas, das poucas citas que logrou impoñerse a pandemia significan un mundo. Sobre todo cando se din ao carón da Casa das Artes das Pardiñas, "nun espazo que chama á creación".

E alí mantéñense vizosas dúas boas mostras deses oficios homenaxeados na xornada de onte. Na antiga escola ten Ramón Villar, o canteiro de Pardiñas, fillo e neto de canteiros, a exposición desas pedras que, como ben dixo o tamén canteiro Valdi, "están mortas" cando están no monte on Ramón as apaña, pero "nacen" con cada golpe desas ferramentas deseñadas por el mesmo para así poder afrontar mellor a dureza que tanto lle gusta e busca na súa materia prima.

"Ramón é o escultor do amor". Así o definiu Valdi, o seu irmán no traballo da pedra, recoñecendo a paixón do Canteiro de Pardiñas —título do Carderno que lle dedica Xermolos e que este sábado se presentaba—, por tallar parellas ou animais. E tamén Valdi lle dedicaba o que quizais sexa o mellor cumprido que se lle pode facer a un artista e o máis difícil de conseguir á hora de crear: "As pezas de Ramón non fai falta que vaian asinadas, coñécense".

Ben pretiño da Casa das Artes está tamén o obradoiro de Sito Carracedo, non só un taller de gaitas, senón tamén, e sobre todo, un espazo de investigación e de creación. Dende este, Sito, que a comezos deste mes presentaba a súa tenda virtual na Mostra de Instrumentos de Pardiñas, mantén a mirada fixa no futuro, con innovacións coma o peitoque ou o higrotapón, pero sen esquecerse de ollar cara ao pasado, co traballo de recuperación de gaitas europeas desaparecidas.

Este sábado, ademais de repasar o seu labor presentábase a reedición de Palleta maldita, un manual de cabeceira publicado por primeira vez en 2001 e dende aquela traducido ao castelán, ao francés, ao inglés e ao alemán e difundido por medio mundo.

PIONEIRAS. Neste diferente pero moi vivo Festival de Pardiñas houbo oco tamén para recordar ás mulleres pioneiras da música galega a través das verbas de Laura Romero, ilustradora, Iria Pedreira, autora dos textos, e Belén López, de Baía Edicións, as tres patas sobre as que se sustenta o libro Ferreñas e Rock and Roll, que recolle 31 desas músicas galegas que fixeron historia, aínda que esta non se lembre de moitas delas.

O broche de ouro aos actos de homenaxe e ás presentacións púxoo o concerto doutra música galega, MJ Pérez. Este domingo, esta atípica Feira e Festa da Música e da Arte despedirase con actos ao redor do Camiño Norte, ás 12.00 na igrexa do Vilar e ás 18.00 horas en Santa Locaia.

Comentarios