Pardiñas, cita obrigada co bo ambiente

Mudi, Florencio ou Lois suman en décadas os anos de presencia en Pardiñas, porque como este festival "non hai outro"

Festival de Pardiñas. C.P.
photo_camera Festival de Pardiñas. C.P.

Se o festival de Pardiñas chegou aos 39 anos de celebración ininterompida, só ten unha explicación que o fai posible: a xente. Os organizadores de Xermolos, os voluntarios que colaboran ano tras ano, os artesáns, os músicos, os feitores de instrumentos... pero, por riba de todo está o público, eses fieis festivaleiros que levan a cita do primeiro fin de semana de agosto gravada na axenda, na cabeza e no cozarón.

Algúns son caras coñecidas á forza de repetírense ano tras ano, coma a dun referente no mundo festivaleiro, o gaiteiro Marías, un dos fundadores do de Ortigueira.  "Pardiñas é absolutamente extraordinario, é unha cita obrigada, temos suspendido actuacións e compromisos por estar aquí", di, sen ser quen de contar os "moitísimos"a nos que leva indo. "É unha conxunción de música, cultura e saber popular, é entrañable", asegura, lamentando "ter que marchar".

Ese "bo ambiente" é o que destaca Mudi, de Bandeira, un afeccionado aos festivais —foi organizador do Esmorga Folk— que leva un cuarto de século achegándose a Guitiriz. "Creo que dende que empecei non fallei, primeiro cos colegas e agora coa familia, creo que ata teño vido só". Para el, Pardiñas e o Entroido en Castro de Laza son citas obrigadas: "Se me falta unha delas creo que o pasaría mal". "Este é un fin de semana de alegría", no que lle xera un especial "bo rollo" a confluencia nun mesmo espazo de xentes de todas as idades, dende nenos —o seu, de catro anos, é xa un fiel que pregunta dende días antes cando é Pardiñas— ata xente maior.

Máis lonxeva aínda é a participación de Florencio, de Vigo: "Viñera porque teño amigos que falaban do sito e pensei, ‘hai que ir’, e lembro que o primeiro ano non vira ningún concerto". "Coma este festival non hai outro,é outra historia, o ambiente durante o día, o estar aquí a gusto tomando unhas cañas, saudando a ‘peña’ que non ves máis que aquí...", di un festivaleiro que destaca desta feira e festa da música e da arte á que este ano acudiu só, "aquí non necesito a ninguén", a súa múltiple oferta e tamén o bo compartamento da maioría da xente, reflectivo na limpeza do recinto.

Xosé Lois, de Pantón, é outro vetreano. Acode con asiduidade dende 1995: "Era unha asignatura pendente que tiña, e daquela viñera cun veciño, viñamos de Ortigueira e paramos aquí. Tiñamos unha bota de viño e iamos ofrencéndoo". E non lle quedou máis remedio que repetir, porque "aínda tiña viño para repartir" e tamén "pola riqueza da mostra de instrumentos, aquí está o país".

E pouco se xoga el coa xuntanza promovida pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que este ano celebra o seu vixésimo quinto aniversario cun pregón moi musical de Xan Silvar e Raparigos, concerto de Maraghotas e o agradecemento de Xaneco Tubío "aos que están e aos que xa non están", por facer posible unha "festa normalizada, porque se alguén quere ver como os galegos festexamos, ten que vir a Pardiñas". Dito queda.

Comentarios