Pardiñas acolle a presentación dunha obra que recolle 31 músicas galegas

Laura Romero, deseñadora do cartel do festival guitiricense, ilustra o libro ‘Ferreñas e rock and roll’, do que se poderá saber máis hoxe sábado na Casa Artes
Laura Romero e Iria Pedreira. EVA MIRÁS
photo_camera Laura Romero e Iria Pedreira. EVA MIRÁS

O programa de actos do atípico XLI Festival de Pardiñas toca á súa fin esta fin de semana e faino cunha parada na aldea que lle dá nome á Feira e Festa da Música e da Arte e coa presenza dunha das protagonistas desta edición, Laura Romero, deseñadora do cartel. A ilustradora acudirá hoxe sábado á tarde á Casa das Artes para presentar Ferreñas e Rock and Roll, unha obra que pon en valor 31 músicas galegas.  

Laura, autora das ilustracións dun libro que nace dun proxecto persoal, estará acompañada por Iria Pedreira, responsable dos textos, e por Belén López, de Baía Edicións, na que será a primeira presentación postconfinamento, logo de que o libro vise a luz a finais de 2019 e contase dende entón cunha boa acollida.

"Estamos moi contentas de que á xente lle interese", valora Laura sobre unha publicación que é das primeiras, se non a primeira, que recompila máis dun século de nomes propios da música galega feminina, dándolle visibilidade a artistas esquecidas na historia ao longo de 31 capítulos organizados cronoloxicamente.

Comeza coa pontevedresa María Doval, zanfonista cega que no século XIX "percorría toda Europa e chegaba ata Rusia, acompañada dunha neta", e remata, "non por idade, senón por cronoloxía" coa acordeonista Cris Asenjo, antiga integrante de Lamatumbá e do Sonoro Maxín, "unha figura moi interesante que quería que aparecese, porque sempre tivo relación coa música pero non quería dedicarse a ela profesionalmente", explica Romero.

Non faltan formacións pioneiras coma Meniñas de Saudade, un grupo feminino de mediados do século XX de Ribadeo, onde ten unha rúa dedicada, ou nomes máis familiares para o gran público, coma Susana Seivane, Cristina Pato, Mercedes Peón ou Ana Kiro. E por suposto, está tamén Xosefa de Bastavales, xermolo de Ferreñas e Rock and Roll

Foi a historia desta muller, un símbolo do bravú, amiga de Manu Chao, co que actuou en Francia ou Barcelona, a que levou a Laura a pensar en ir un paso máis alá e complementar o proxecto virtual Músicas Galegas Ilustradas, co que leva dende 2017 dándolle visibilidade nas redes ás mulleres da escena musical galega, cun libro que ollase cara ao pasado da música e das músicas de Galicia.

Algunhas das mulleres que Laura retrata tamén forman parte das catro décadas da historia do Festival de Pardiñas, coma a propia Laura, que se xa tiña o seu nome asociado a el como baixista do grupo rock Zënzar, este ano intégrase definitivamente na familia pardiñenta como deseñadora do cartel. Nel reflicte tanto rostros anónimos como caras que asocia con Pardiñas: Alfonso Blanco, Oli Xiráldez, os artesáns Miguel Mosquera e Manels, Patri Gamallo de Habelas Hainas, Juan dos Carunchos ou Ares dos do Xalo. 

"Cando vou ao festival levo o caderno para debuxar", di Laura sobre unha cita na que este sábado unirá as súas facetas artísticas, xa que ademais de presentar o libro, tocará na banda de MJ Pérez.

Homenaxe aos artesáns e ao Camiño Norte
A asociación cultural Xermolos pechará esta fin de semana, con sendas homenaxes aos artesáns e ao Camiño Norte, os actos do XLI Festival de Pardiñas, que se iniciaban o día 1 de agosto en Parga coa Mostra de Instrumentos da Música Tradicional.
Sito e Ramón
Hoxe sábado, a partir das 19.00 horas na Casa das Artes de Pardiñas e o seu contorno, presentaranse o Caderno O canteiro de Pardiñas, dedicado ao artista local Ramón Villar; a reedición do libro Palleta Maldita, do artesán gaiteiro Sito Carracedo, cuxo obradoiro está en Pardiñas, e o libro Ferreñas e Rock and Roll. A xornada completarase co concerto de MJ Pérez. 
O Vilar e Santa Locaia
Mañá domingo, ás 12.00 horas no palco do Vilar, Alfonso Blanco falará do Camiño de Santiago e poderase ver unha montaxe de Fátima Fernández sobre a Cova da Serpe. Ás 18.00 horas, en Santa Locaia, Xavier Varela presentará o cómic Lendas do Peregrino. Sons de Aldea amenizará ambos actos.

Comentarios