O recuncho de Ángeles Lenza

San Martín de Lúa: un paraíso verde para relaxarse

Ao carón do río Lúa, esta parroquia polense conta cunha frondosa e fermosa vexetación autóctona e varios hórreos 
Un regato do río Lúa, visto dende o ‘pontigón’, na fronteira entre Ribeira de Piquín e Pol. D.CABO
photo_camera Un regato do río Lúa, visto dende o ‘pontigón’, na fronteira entre Ribeira de Piquín e Pol. D.CABO
Localización
A parroquia de San Martín de Lúa comprende os lugares de Crende, A Pena, O Candal, Vilamide e Lúa. Percorrendo a LU-P-5404 ou a LU-P-3004 pódese chegar á zona. Unha vez alí, segue as coordenadas: 43.166570159195345, -7.247060041165833.
Hórreo da Pena
O hórreo da Pena é o máis grande da parroquia. Está emprazado no recinto dunha antiga vivenda totalmente abandonada. A propia construción, de estilo asturiano e con tornarratos nas patas, consérvase bastante ben entre a maleza.
Fronteira
No pontigón, onde conflúen os concellos de Pol e de Ribeira de Piquín, dá comezo o que podería ser un roteiro ao carón do río Lúa e os seus muíños. Porén, a vexetación impide pasar a esta zona dende hai anos.
O hórreo da Pena, o máis grande da parroquia. D.CABO
O hórreo da Pena, o máis grande da parroquia. D.CABO

O concello de Pol atesoura unha idílica parroquia que se esconde entre as montañas e os vales, adornada por unha frondosa vexetación autóctona: San Martín de Lúa. Nestes montes maxestosos escasean os eucaliptos, en contraste cos centos de nogueiras, carballos e castiñeiros que impregnan o terreo dun verde rechamangueiro. Abundan tamén os fentos, unha planta que conquista o corazón de Ángeles Lenza.

Esta veciña de Luaces e xerente da Casa Cuadrado non dubida en sinalar este recuncho como o seu espazo favorito. "Trátase dun dos lugares máis bonitos", asegura, ao tempo que destaca a "completamente diferente" aparencia desta parroquia, onde se pode gozar das mellores paisaxes da localidade polense.

San Martín de Lúa é moi especial para esta enxeñeira forestal, pois nela levou a cabo o seu proxecto de fin de grao, centrado nunha ruta de sendeirismo con dúas áreas de descanso. O lugar e os seus recursos son idóneos para esta iniciativa, pero a mala xestión propiciou certo abandono, e este traballo nunca chegou a materializarse. "Está moi mal explotado e xestionado. O noso territorio debería estar mellor aproveitado e non faría falta realizar investimentos moi grandes", critica Ángeles, que vive en primeira persoa o relativo abandono destes paraxes.

A vexetación de San Martín de Lúa. D.CABO
A vexetación de San Martín de Lúa. D.CABO

Hai anos que non percorre o roteiro que bordea o río Lúa, onde tamén adoitaban pasar cazadores e pescadores. "Cheguei a meterme por alí co fouciño", recorda entre risas. Hoxe en día, é case imposible abrirse paso entre silvas, ortigas e demais vexetación. Case ninguén pode gozar da visión dos tres antigos muíños ou dunha seimeira de aproximadamente dez metros de altura.

Ángeles converteuse nunha improvisada guía turística para aqueles visitantes procedentes de diferentes lugares de España e doutras partes do mundo que se aloxan na súa casa rural, pois esta parroquia é o lugar de visita por excelencia para ela. Aínda que non pode acudir tan a miúdo como desexaría, xa que se atopa a uns dez quilómetros do seu fogar, a sensación de "paz" envólvea cada vez que pasea por este lugar, co pobo de Lúa e os seus preciosos hórreos como emblema.