RECUNCHOS A DESCUBRIR: O VIVEIRÓ

O paraíso do mel e dos sete pratos

O Viveiró vista xeral
photo_camera Vista xeral da praza Cándida Bello no Viveiró, Muras. V. BRAN

En plena Serra do Xistral, nun camiño rodeado pola máis pura natureza, emerxe a parroquia muresa do Viveiró. Longas liñas de viraventos espallados polos cumes das montañas e os cabalos salvaxes pastando libres nos prados dan a benvida ao visitante nun lugar no que a gastronomía é a estrela. Pois se por algo é coñecido este contorno é polo menú dos sete pratos de comida caseira que ofrece dende hai décadas Casa Cándida.

Foi nos anos 80 cando Cándida Bello lle deu ao negocio a fama que hoxe en día conserva e que atrae centos comensais de toda Galicia. Precisamente en 2001 a praza da parroquia muresa recibiu o seu nome para honrar a súa memoria. E nesta está tamén Picapan Casa Vituco, o outro restaurante onde parte do mel que producen vai parar aos seus menús.

O Viveiró
Fonte de pedra no Viveiró

E é que a apicultura é outro dos atractivos do Viveiró, onde se celebra unha feira anual de mel que pon á venda un produto de primeira calidade coa queiroa ou a silva como os seus principais compoñentes. E á parte dunha gastronomía exquisita, no pequeno núcleo murés tamén conflúen unha arquitectura excepcional, coa igrexa de Santa María á cabeza, e unha espectacular paisaxe que anima ao visitante a perderse.

O lugar
Dende Muras hai que tomar a LU- 540 durante cinco quilómetros e xirar á dereita na LU-P-3402. A uns seis quilómetros está O Viveiró.
Curiosidades
A parroquia muresa conta con 84 habitantes e cunha trintena de núcleos dos cales a metade están despoboados, segundo datos do Instituto Galego de Estatística.
Rutas
Desde O Viveiró parte a ruta Rego dos Curuxos. Son máis de nove quilómetros nos que se pode contemplar unha espectacular carballeira, a fervenza Salto do Can e unhas fermosas vistas da Serra do Xistral.
O Viveiró3
Paneis con indicacións para a ruta Rego dos Curuxos

Comentarios