Un paraíso co Eume baixo os teus pés

Camiñar polo paseo fluvial do barrio pontés de A Vila é unha delicia para os sentidos
El paseo fluvial de As Pontes vista xeral
photo_camera Vista xeral do paseo fluvial do barrio pontés de A Vila

Camiñar polo paseo fluvial do barrio máis antigo das Pontes é toda unha delicia para os sentidos. Na Vila, o murmurio relaxante das augas do Eume mestúrase co canto dos paxaros e o susurro das árbores que emerxen á beira do río, unha impresionante paisaxe sonora que conflúe coa visual, formada polo colorido das casiñas de pedra que foron testemuñas da máis viva historia do pobo.

Pola parte de atrás da igrexa de Santa María emprázase este fermoso paraíso. A antiga localización do vello cemiterio convértese na porta de acceso ao paseo fluvial que percorre a zona máis urbana da beira do Eume.

Unha fonte de pedra co escudo da vila dá a benvida ao visitante que realiza o percorrido sobre unha pasarela de madeira que salva o caudal do río.

Ponte dos Ferros de As Pontes

O tramo serve de unión entre dúas das máis emblemáticas pontes da localidade: a de Isabel II e a dos Ferros. Esta última, do século XV, era unha porta de acceso á vila medieval defendida por unha desaparecida fortaleza.

Así, a máis pura historia entrelázase con pinceladas de actualidade como o retrato dun fermoso burro na porta dunha das antigas vivendas ou o mural en recordo aos torneiros locais na parede dun antigo muíño. Unha miscelánea única co Eume baixo os teus pés.

O lugar
A Vila, o barrio más antigo das Pontes, alberga un atractivo paseo fluvial que percorre o espazo natural das ribeiras do Eume ao seu paso polo casco vello da localidade.
Curiosidades
Foi inaugurado o 13 de febreiro do ano 2008 e a ruta discorre entre a ponte de Isabel II e o emblemático Ponte dos Ferros. 
Contrastes
A beleza centenaria do casco antigo pontés conflúe coa modernidade do mural do As Pontes EnPezas deseñado por Diego González Cereijo na rúa da Igrexa para homenaxear o traballo dos torneiros locais.

Grafiti torneiros paseo as pontes

Comentarios