Xoán Ramiro Cuba: "O papel terma do que lle poñan, os erros non teñen marcha atrás"

O escritor lucense con raíces en Vilalba foi o responsable da edición do libro ‘Xermade na Historia'

Xoán Ramiro Cuba. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Xoán Ramiro Cuba. VICTORIA RODRÍGUEZ

VIVE ENTRE LETRAS. Xoán Ramiro Cuba publicou varios libros sobre literatura oral e mitoloxía, pero ten como oficio o de editor, como responsable do equipo de publicacións da Deputación. Polas súas mans —antes estivo no Museo Provincial— pasaron máis de 300 obras: libros, catálogos, revistas, folletos e material didáctico.

A xente valora o papel do editor?

É bastante descoñecido e tamén, con excepcións, pouco valorado. Os libros, cando se editan cun certo grao de profesionalidade, requiren un proceso demorado de revisión, corrección, contacto cos autores, deseño e control da calidade das distintas fases. Todo isto sen esquecer, ademais, a tramitación administrativa e a xestión dos recursos dos que se dispón.

Cantas veces hai que ler unha obra para darlle o visto bo?

Non serve unha resposta para todos os casos. Hai orixinais que os autores entregan en moi boas condicións e outros que teñen defectos e requiren un esforzo maior. Como método tratamos de lelos todos antes de facer a maqueta e cando está feita cómpre lelo outra vez. Ata o momento de enviar unha obra á imprenta tratamos de estar moi atentos a posibles modificacións (a informática xoga malas pasadas). O momento de dar a conformidade para imprimir é moi delicado. O papel sempre vai termar do que lle poñen, os posibles erros non teñen volta atrás.

Acaban de presentar Xermade na Historia, que recolle os traballos premiados no certame que leva o mesmo nome. Que significou participar na súa publicación?

Foi moi grato participar nesta edición polo que significou a colaboración con moitas persoas coas que foi un verdadeiro gusto traballar, especialmente cos organizadores e coordinadores da edición (José Manuel Felpeto, Jesús Rodríguez e Manuela Vilaboy), cos que establecemos, dende a distancia e sen coñecernos persoalmente, unha comunicación moi positiva e enriquecedora, tamén cos autores dos traballos e con todas as entidades que participan no premio.

Cal é o valor deste traballo?

Non se pode falar dun único valor. O libro é o produto final dun proceso complexo no que hai moitas persoas implicadas e moito traballo individual e colectivo. Ese resultado constitúe un compendio moi valioso de temas históricos, artísticos, etnográficos e patrimoniais referidos ao concello de Xermade, que deixa un testemuño permanente e palpable sobre un rico patrimonio do que todos os xermadeses, chairegos e galegos podemos sentirnos orgullosos. O xurado escolleu traballos cun alto nivel de calidade e destaca a orixinalidade do enfoque, particularmente nalgúns como o das neveiras ou a elaboración do carbón.

Todos loaron o seu traballo. Que é o máis difícil nunha obra así?

Agradezo as gabanzas porque sei que son sinceras e non un cumprido protocolario; agradézoas polo que supoñen de recoñecemento a un esforzo, non ao meu traballo particular senón ao do equipo e da área de cultura da Deputación. En todo caso puxemos nesta obra, como tratamos de facer sempre, todo o empeño en facer un traballo digno que estivese á altura. O máis complexo destas obras colectivas é a coordinación que supón unha comunicación constante e o control de todos os procesos.

Será o primeiro de máis?

Espero que si. As edicións do premio seguen avanzado e o lóxico é que os resultados se publiquen.

Creou con Ofelia Carnero, Mercedes Salvador e Antonio Reigosa o Grupo de Investigación Etnográfica Chaira. Que foi o mellor?

Deses anos nos que percorremos Terra Chá e outras comarcas na procura de testemuños da tradición oral gardo a lembranza dos centos de persoas que entrevistamos; moitas delas, probablemente a maioría, xa faleceron. Era xente sinxela e xenerosa que nos contou o que sabía ou o que lembraba. Dende o punto de vista humano e persoal é o que me produce máis satisfacción. Claro que tampouco se deben ignorar os resultados dese traballo. De aí saíron dous libros: Da fala dos brañegos e Polavila na Pontenova e moitos outros traballos. O arquivo do equipo forneceu moita información, datos moi valiosos e achegados no tempo, para a elaboración por parte doutro equipo (Antonio Reigosa, Xosé Miranda e eu mesmo) dalgúns traballos significativos e cunha gran repercusión como o Dicionario dos seres míticos galegos e os libros ilustrados da colección Cabalo Buligán.

A literatura oral está viva?

É unha pregunta moi complicada. A literatura de transmisión oral non pode ter hoxe a función que tiña hai 50 ou 100 anos debido aos cambios sociais, económicos e culturais que se produciron. De neno escoitei contos que os nenos hoxe non van escoitar, ao mellor obteñen esa información na escola pero tratada moitas veces como unha reliquia ou un espectáculo. Pero mentres haxa xente que atesoure na memoria unha parte desa información hai vida, remol no lume e tamén hai adaptación ás actuais circunstancias ou actualización como pode ser o fenómeno das lendas urbanas.

Hai o risco de que se perda?

Debido á falta de interese, á desidia ou ao inicio serodio da recolleita e estudo deste tipo de literatura, hai cousas que xa se perderon irremediablemente, outras perderon integridade no proceso de transmisión ou debido a transcricións deficientes; porén hai moito recollido e polo tanto, teoricamente, a salvo. Tamén hai moito material para estudar e interpretar. Pero existe unha sabedoría que pertence a cada individuo e debemos ser conscientes de que cada vez que morre unha persoa desaparece con ela unha información da que, en moitos casos, non quedará constancia. Como di o proverbio africano: "Cando morre un vello desaparece unha biblioteca".

"Vilapedre sempre foi unha auténtica referencia vital"

Le as obras unha vez publicadas?

É dos que atopa erratas? Non adoito facer unha lectura exhaustiva pero si unha revisión. Teño que recoñecer que case sempre atopo algún erro, normalmente de menor entidade. Ás veces abro o libro pola páxina onde o ollo non tivo a agudeza necesaria na corrección e agora lévame directo ao fallo. Cabréame moito.

É tan esixente cos traballos que lle editan que cando edita?

Trato de non molestar moito.

Algunha manía?

Cos anos vou adquirindo algunhas pequenas obsesións, doulle demasiadas voltas a aspectos que despois resultan insignificantes.

Un ser mítico?

Os trasnos e a súa parentela (tardos, sumicios, diaños burleiros...). A meirande parte das súas falcatruadas son inocentes e divertidas; pero moito coidadiño con eles, algúns son maliciosos, cando non verdadeiramente perigosos.

E unha lenda?

Gústanme as que fan referencia ás señoras encantadas e aos tesouros que gardan en charcas, lagoas e pozos piagos e tamén á ambición dos seres humanos que adoita ter consecuencias fatais. Na Terra Chá, as do Alligal e as do Pozo do Ollo en Begonte.

Cal é a relación con Vilalba?

Meu pai é de San Simón e miña nai de Vilapedre, da Carballeira. Os meus avós, emigrantes en Cuba, participaron na creación das escolas das parroquias. Vivín en Vilapedre ata os catro anos e pasei alí todos os veráns ata a morte da miña bisavoa. Tiña dez anos. Vou con certa frecuencia. Sempre foi unha auténtica referencia vital e primordial.

Un lugar da Chaira?

A casa da Carballeira, a lareira onde escoitei moitos contos de aparicións que me facían pasar moito medo e unha figueira na que perdín ou aproveitei moitas horas da nenez.

Un libro que hai que ler?

Un só libro non chega a nada. Recomendo Vidas imaxinarias de Marcel Schwob.

Un libro entra polos ollos?

Polos ollos e por todos os sentidos. É moi importante o deseño gráfico, a tipografía, a textura e calidade do papel, aí intervén o tacto. Cando sae do prelo o olfacto pode recoñecer o olor da tinta e se ten un contido interesante ata podemos lelo en voz alta e escoitar o que o autor quixo transmitir.

Comentarios