Paixón pola cana e as troitas, un amor sen idade

A tempada de pesca fluvial acaba de arrincar e os amantes deste deporte volven ao choio, algúns deles con máis experiencia que outros
Ladislao Crecente, de 81 anos. EP
photo_camera Ladislao Crecente, de 81 anos. EP

Os pescadores das comarcas da Terra Chá e de Meira e das Pontes sorrín ante a chegada da nova tempada de pesca, que deu o pistoletazo de saída o domingo en toda Galicia. De sobra coñecido é o territorio chairego, cheo de ríos, lagos e natureza no seu máximo esplendor. Case de forma sincrónica, o número de pescadores é moi salientable en toda a zona, existindo diversas asociacións e clubs dedicados en corpo e alma para gozar da pesca da troita dun xeito idóneo. Co inicio deste período, os máis veteranos volven á súa actividade habitual coa mesma ilusión de sempre. Este entusiasmo é compartido con todos os novos compañeiros que dan os seus primeiros pasos nun mundiño que sufriu diversas alteracións co paso dos anos.

Natalia Lombardía, veciña de 20 anos da Ponte de Outeiro, en Castro de Rei, comezou a pescar coa súa parella. "Empecei hai un ano e medio, ía con el e gustoume", sinala a rapaza, que tiña moitas ganas da apertura da tempada para seguir mellorando a súa técnica. A castrexa, socia de Amigos do Miño, descubriu un mundo que a apaixona por diversos motivos. "Transmíteme paz, tranquilidade e adrenalina. Ademais, coñezo moitos lugares novos", explica. O primeiro día nunca é fácil e Natalia recórdao bastante ben: "Son algo torpe e aprendo lento. Aquel día andei máis tirada pola auga que pescando", afirma entre risas.

Natalia Lombardía: "Pescar transmíteme paz, tranquilidade e adrenalina"

Un socio de Amigos do Miño con máis experiencia que Natalia é Pedro Varela, da parroquia castrexa de Bendia, pero o seu primeiro día foi semellante ao da rapaza."O meu propósito era non enrolar o fío nas silvas", comenta. O caso de Pedro, de 77 anos, é moi particular, porque empezou no mundo da pesca tras xubilarse, hai uns 13 anos. "Pensei nalgunha actividade para pasar o tempo e atopei a pesca", rememora. O seu obxectivo principal non é capturar pezas, senón gozar do río e da compañía dos seus. Pedro observa unha baixada na cantidade de troitas no ecosistema. "Andas 200 metros e non ves unha, antes había moitas", conta, na procura dunha solución. "Pesco sen morte devolvendo o peixe á auga, é necesario pero non chega. Hai que reducir a contaminación e vixiar os furtivos", afirma o pescador.

Pero non todos avogan pola pesca sen morte. Fernando Prieto, veciño de 60 anos de Guitiriz, leva toda unha vida pegado á cana. É o presidente da asociación Amigos do Parga e defínese como un "defensor dos ríos". Consciente  do "cambio no ecosistema", critica este estilo de pesca. "Xente que leva toda a vida pescando as súas troitiñas e levándoas para casa xa non pode facelo", explica. Fernando, que practica todo tipo de técnicas, cualifica a pesca como "unha forma de vivir e de sentir", sinalando que no rural é "o único hobby que existe xunto á caza".

Fernando Prieto: "Xente que leva toda a vida pescando as súas troitiñas e levándoas para casa xa non pode facelo"

Jorge Vidal, de 27 anos, creceu no Chao do Pousadoiro, en Ribeira de Piquín, vendo como os pescadores pasaban polo bar dos seus pais, Casa Horacio. Aquel intrépido neno criouse ao lado do río e recibiu a súa primeira cana aos cinco anos, e aínda que sempre foi un mundo que lle chamou a atención, non comezou "a collerlle afección" ata os 22. Jorge é socio do CD Rodeo e admite que lle queda "moito por aprender". Para el, a pesca é sinónimo de "saúde mental" e goza enormemente dos momentos de desconexión a carón do río.

Jorge Vidal. EP
Jorge Vidal nun día de pesca. EP

Do mesmo xeito que Jorge, Ladislao Crecente asegura que naceu "pegadiño ao río". Aos seus 81 anos explica que leva máis de 60 pescando, sobre todo, nos ríos Eo e Rodil, en Ribeira de Piquín. Sendo cativo, pasaba tardes enteiras observando a un "pescador moi bo" que frecuentaba a súa zona. Así aprendeu, cunha cana feita por el e con toda a ilusión do mundo.

Este exprofesor de autoescola, residente na parroquia de Moncelos (Abadín), explica que cada vez acode menos ao río debido á súa idade. Porén, en pequenas doses, a súa paixón segue sendo a "pesca á mosca", que practicou este mesmo domingo. Lao, como lle chaman os seus achegados, participará en varios campionatos nos vindeiros meses.

Que a pesca non entende de idades sábeo Alberto Bello, veciño das Pontes. Ten 79 anos e comezou a pescar no río Eume cando só tiña doce. Este socio da Venatoria percorreu todos os ríos da Terra Chá. "Non me gusta repetir sitio", asegura o pontés, ao que sempre se lle deu ben a arte da pesca. "Os primeiros días fun en bicicleta a Cabreiros co meu irmán maior e pillei 18 troitas, moitas máis ca el", recorda. Alberto é consciente do delicado momento que vive a pesca fluvial. "Nótase a baixada no número de troitas. A contaminación e o furtivismo inflúen moito", confirma.

Na mesma asociación pontesa está Xalo de Barros, un rapaz de tan só 13 anos ao que lle encanta capturar pezas no río, onde empezou hai un ano. "En el mar pescaba con cinco años", explica. O novo pescador xa tiña nocións básicas do deporte, posto que seu pai e seu avó comparten esta afección e adoitaban pescar empregando un barco da súa propiedade na vila coruñesa de Cariño. Xalo é un dos rapaces máis novos do club e estaba agardando a inauguración da tempada: "Tenía ya todo organizado para salir al río", conta.

Xalo De Barros cunha peza capturada. EP
Xalo De Barros cunha peza capturada. EP

Outro pescador que podería ser novel pola súa idade é Luis Fraga, veciño de Vilalba de tan só 20 anos. El pertence á Sociedade de Pesca Deportiva Río Ladra e comezou a profesionalizarse no mundiño con 14 anos. Porén, este chairego nado na parroquia de Insua, por onde discorre o río Labrada, explica que as súas primeiras incursións na pesca realizounas con "seis ou sete anos" cando acompañaba a seu pai. Luis foi crecendo ata que debutou dun xeito que non pode esquecer. "O primeiro día houbo un temporal que non aguantaba. Frío, choiva, vento... non pesquei nada, pero aínda así estiven todo o día no río", recorda risoño. Para el, pescar é moito máis que un deporte. "É unha forma de vida, sempre estivo preto de min", sinala.

Luis Fraga: "O primeiro día houbo un temporal que non aguantaba. Frío, choiva, vento... non pesquei nada, pero aínda así estiven todo o día no río"

De igual forma estivo preto de Andrés Seijas, que aos seus 67 anos afirma que leva uns 60 tirando a cana. "Aprendín dos maiores, xa que sempre convén escoitar os sabios", indica. Este veciño de Begonte ten moi claro que a pesca cambiou bastante, sobre todo nos últimos tempos. "Antes habían moitas máis troitas e os ríos estaban distintos, con máis caudal e máis limpos. Ademais, non había os aparellos modernos que hai agora, nós pescabamos cunha cana artesanal, á nosa maneira", cavila. A pesca sempre foi importante para el, chegando a alimentarse do peixe que capturaba. "Foi toda a miña vida, incluso era un sustento, agora é imposible, a pesca tradicional perdeuse", indica o begontés. Pese a isto, non perde o gusto pola súa paixón. "Agora xa non, pero antes, a noite previa ao inicio de tempada, non durmía", di. Evidentemente Andrés non se perdeu a estrea deste domingo. "Non se pode faltar o primeiro día", conclúe.

Andrés Seijas amosa unha peza. EP
Andrés Seijas amosa unha peza. EP

Comentarios