Padres de Baamonde denuncian "discriminación" co bus escolar

Piden unha parada para os cinco alumnos que se matricularon en Parga tras o peche do colexio local e critican que nin sequera atopan taxis que os leven
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Protesta contra o peche do colexio de Baamonde. ARQUIVO

Cinco familias de Baamonde reclaman á Consellería de Educación unha parada de transporte escolar subvencionado nesta vila para os cinco alumnos matriculados este curso no Ceip Santo Estevo de Parga tras o peche do colexio da localidade begontesa.

Para iso, presentarán un escrito solicitando a creación dunha parada na ruta que vai de Pígara, parroquia guitiricense de onde proceden tamén varios alumnos do colexio de Baamonde, a Parga, creada precisamente para estes escolares.

"Cando se aprobou o autobús para estes nenos pediuse unha parada en Baamonde e denegouse", explican os pais, sen entender as razóns cando o propio percorrido da ruta pasa polo centro do pobo. "Non pode ser unha cuestión de distancias para priorizar que os nenos vaian ao colexio de Begonte, porque é a mesma", din.

No escrito sinalan que, segundo a orde do 1 de marzo de 1991, os alumnos matriculados fóra da súa área de influencia poderán pedir transporte escolar gratuíto e subvencionado sempre que se cumpran uns requisitos: que transcurra un itinerario de transporte escolar preto dos seus domicilios, que haxa prazas vacantes, que non supoña modificar a ruta, que non se incremente a duración do traxecto e que non se precise incorporar un novo acompañante.

"Cumpren todos os requisitos. É absurdo que o autobús que vén de Pígara pase polas portas das nosas casas e teñamos que levar aos nenos en coche. Coartan a liberdade de elección da educación dos pais para os seus fillos por motivos de mobilidade e discriminan a cinco nenos, xa que en ningún momento a creación de dita parada conlevaría a un aumento do gasto da consellería", critican.

Ante esta situación, e para tratar de solucionar o problema do traslado dos nenos ao seu centro educativo, empezaron a buscar hai un par de semanas taxis con prazas suficientes que puideran levar aos nenos a Parga. "Contactamos con varios e dixéronnos que nos daban un orzamento. Cando quixemos confirmar o contrato do servizo días antes de comezar as clases, empezaron a caer un detrás doutro, dando varias excusas, a maioría dicindo que ao ser menores podía darlles problemas e cousas así. Todos cos que contactáramos acabaron dicindo que non podían facer o transporte. Empezamos a pensar que aquí pasaba algo raro", comentan.

Engaden que nestes primeiros días de curso puideron ver que chegaban taxis con nenos ao Ceip Santo Estevo e aseguran que chegou aos seus oídos que "se lles enviou un comunicado ou circular a estes taxistas dicíndolles que non podían facer esa ruta escolar entre Baamonde e Parga".

"Isto ten un compoñente político e é unha discriminación pura e dura, sobre todo tendo en conta que estamos falando de nenos", critican, mentres avanzan que pelexarán por algo ao que os seus fillos "terían dereito" segundo a mencionada orde.

Comentarios