Pacio Lindín, a luz do saber

O sociólogo e párroco pastoricense foi un home adiantado ao seu tempo. Este mestre do Seminario de Mondoñedo nos anos 60 deixou pegada nos seus alumnos, que agora o homenaxean cun libro de artigos coordinado polo catedrático vilalbés Manuel Rivas.

"CANDO DABA CLASE tiña o don de espertar a arte do saber nos seus alumnos. Contaba cunha paixón contaxiosa que foi clave para abrirnos os ollos a moitos". Así define a Dino Pacio Lindín un dos seu exalumnos no Seminario de Mondoñedo, o tamén catedrático vilalbés Manuel Rivas García. E é que Dino, que mañá cumpre 87 anos, é un home que deixou pegada alí por onde pasou, un home adiantado ao seu tempo e un dos mestres máis comprometidos coa vangarda cultural nos anos 60.

Agora, os seus antigos pupilos tratan de renderlle unha emotiva homenaxe e deixar testemuño do aprecio que lle gardan coa publicación do libro "Dino Pacio Lindín, o guía dunha vangarda cultural", unha obra escrita por 16 exalumnos da que é coordinador Rivas.

Trátase dun compendio de relatos no que se reflicte o momento de cambio que se produciu no internado do Seminario de Mondoñedo entre os anos 60 e 66. "Queda constancia dese lustro innovador no que se vai pasar dunha mentalidade tridentina a unha apertura aos novos aires chegados de Centroeuropa. Esa transformación foi posible porque nese momento e nese lugar estaba alí unha persoa excepcional con suficiente coraxe e intelixencia para levalo adiante: o profesor Dino Pacio", sinala o vilalbés.

Formado en Comillas e en varias universidades europeas, Pacio Lindín, que exerceu como párroco e ensinaba Francés, Filosofía e Socioloxía, estaba ao tanto dos cambios que naquel momento se xestaban en Europa e transmitíallos aos escolares. "As clases con el eran especiais, tiña unha paixón contaxiosa que te animaba a ler e a querer saber máis. Eramos rapaces de 15 ou 16 anos aos que nos abría a mente e nos marcou o futuro", recalca Rivas, quen, de feito, se licenciou en Filosofía.

E se as clases eran especiais, máis o eran as actividades extraescolares, con reunións onde en plena ditadura franquista se recitaban libros censurados de Albert Camus ou o mesmo Manifiesto del Partido Comunista de Marx. "Dino era un visionario que atinou a adiviñar o que ía pasar na seguinte década. Foi, sen lugar a dúbidas, un xigante nun país de ananos que miraban a ras de chan e non foron capaces de erguer a cabeza e apreciar a valía excepcional dunha personalidade xenial, capaz de transformar a sociedade".

De feito o sociólogo tivo que emigrar a Estados Unidos, onde aínda hoxe reside, para continuar coa súa formación. "Unha vez máis repítese a secular maldición sobre a nosa terra: que algúns dos fillos máis valiosos vense forzados a abandonala para brillar en terra allea", di Rivas. Dino sobresaíu como profesor universitario en Nova York e lonxe de acomodarse na súa cátedra, "loitou por mellorar as condicións de vida dos emigrantes hispanos de Manhattan a través da fundación Solidaridad Humana, que lles posibilitou integrarse na sociedade americana a través do coñecemento do idioma e a formación que os prepararía para un traballo", engade.

O libro, editado coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo –onde se presenta mañá ás 19.30 horas– conta cunha cunha contraportada de A. Rivas Pol e unha portada de Siro López, quen plasmou a Dino enriba dun libro portando a luz do saber por cada recuncho do planeta.

Comentarios