Pablo Rodríguez: "Non fago as obras ás présas, quero que vaian medrando pouco a pouco"

Este veciño de Prevesos, en Castro de Rei, fala coa mesma calma coa que deseña e elabora as súas obras, que veñen de ser expostas na igrexa vella de Muimenta dentro da programación da Foliada Aturuxo
Pablo Rodríguez Regueiro, artista de Prevesos. C.PÉREZ
photo_camera Pablo Rodríguez Regueiro, artista de Prevesos. C.PÉREZ

Cando empezou a ter interese polo mundo artístico?
Dende pequeno. Miña tía pintaba por afección e gustábame vela como o facía. Despois empecei a debuxar eu; por exemplo, cando estaba enfermo e non podía ir á escola pasaba a mañá pintando, paxaros e outros animais, o que observaba. Estudei en Castro e non había bacharelato de arte, así que elixín a rama de ciencias e acabei facendo enxeñería técnica agrícola. Aínda que o outro mundo sempre me chamou moito a atención.

Como definiría ao Pablo artista?
Trato de enfocar as obras buscando transmitir algo, para que a xente o relacione dalgunha maneira con algo seu. 

Que tipo de pintura fai?
Pinto en óleo sobre lenzo con técnicas mixtas. As formas tenden a ser abstractas con algo de figuración. Depende un pouco do que queira transmitir. A temática tamén é variada.

E fai algo de escultura?
Eu chamaríalles volumes, non creo que cheguen a ser esculturas. Para facelos utilizo materiais diferentes, dende o arame, a malla ou unha masilla que tamén emprego nos lenzos.

Acaba de facer unha exposición en Muimenta dentro da Foliada Aturuxo. Como foi a acollida?
Moi boa, foi só un día, pero moi intenso. Xa participara no Festival Pozomouro, teño boa relación con algunha xente de Muimenta, son moi activos e abertos culturalmente e a proposta saíu deles.

Pinto con técnicas mixtas, as formas tenden a ser abstractas e a temática tamén é variada

Era a primeira que facía?
Xa fixera algunha con ilustracións nalgún bar e tamén en colaboración con algún compañeiro.

E ten previsto promover algunha mostra máis?
Si, a idea que teño é seguir promocionando o meu traballo. Pero gustaríame poder ofrecer unha proposta diferente e quería ter máis obras para conseguilo. 

Referente no mundo artístico?
Cando era neno gustábame moito Monet. Agora a verdade é que non teño ningún referente como tal. Gústame ver que se está facendo, estudar sobre pintores e pinturas e coñecer como chegaron a facer unha obra e por que a fixeron.

Actualmente está estudando deseño de interiores. Pero a súa formación é moito máis ampla.
Fixen primeiro a enxeñería agrícola e despois, para seguir formándome no que realmente me atraía, escollín ilustración. Desenvolvín algúns proxectos con compañeiros, pero buscando saídas laborais retomei a enxeñería e completeina cun máster en paisaxismo. Pasei unha fase máis ben de traballo e logo animeime a seguir formándome co deseño de interiores, para estar conectado, sumando relacións con persoas e cousas que che poden aportar. 

E como logra compaxinar traballo, estudo e arte?
O máis difícil é o tema do estudo co da enxeñería. O outro é cuestión de prioridades. Se teño máis tempo, dedícolle máis; se teño menos, menos. Ademais non me gusta facer as obras ás présas, prefiro que vaian medrando pouco a pouco, que non teñan un tempo limitado. 

A nivel profesional, de que proxectos se sente máis orgulloso?
A experiencia de que escolleran o noso xardín nunha iniciativa en Allariz e un proxecto de deseño de camisetas cun compañeiro de Pontevedra. Aprendín moito.