Pablo Lage: "Pintar en Vilalba é especial, teño moita xente coñecida"

O artista lucense, que se define a si mesmo como "mestura entre Lugo e Vilalba", vén de pintar na contorna da Torre dos Andrade o mural A fiestra de Rosalía
Pablo Lage pintando 'A fiestra de Rosalía de Castro' en Vilalba. EP
photo_camera Pablo Lage pintando 'A fiestra de Rosalía de Castro' en Vilalba. BRAIS G. ROUCO

Pablo Lage Sanjurjo, coñecido como Van Kraft, dedícase á arte, ao muralismo e ao deseño gráfico. É natural de Lugo pero a súa vez identifícase con Vilalba polas súas raíces chairegas, pois boa parte da súa familia é vilalbesa. Dos seus 38 anos leva 20 facendo muralismo e nesa traxectoria deixou pegada en varias rúas da capital chairega. Un deses rastros acaba de quedar na intersección da Rúa de Galicia coa Conde Pallares, onde plasmou A fiestra de Rosalía, unha obra impulsada polo Iescha e a Vicepresidencia da Diputación de Lugo coa que se pretende enxalzar a figura da autora e dinamizar o patrimonio vilalbés. 

Como comezou neste mundo?
Levo pintando dende moi pequeno, dende que teño recordo debuxo. Despois co paso dos anos e dos traballos fun profesionalizándome e adquirindo certo nivel. En canto á formación, cursei Deseño Gráfico, que é a miña profesión, e no mundo artístico e pictórico a aprendizaxe foi autodidacta. 

Dende os inicios leva sendo Van Kraft o seu nome artístico?
Non, é un novo concepto que teño dende fai aproximadamente cinco anos. Unha maneira de englobar os dous mundos nos que convivo, que son o deseño e o graffiti. Serve como pseudónimo pero funciona máis como nome corporativo.

A súa experiencia converteuno nun referente, como o conseguiu?
Pertenzo á segunda xeración de pioneiros do graffiti e poderiase dicir que o tempo, xunto aos traballos, vante posicionando. É unha evolución do teu traballo no tempo o que fai que outros poidan pensar en ti como un referente.

Van Kraft tamén foi o autor do mrual en homenaxe a Jorge Tato. AEP
Van Kraft tamén foi o autor do mural en homenaxe a Jorge Tato. AEP

E vostede, a quen pode considerar un referente?
Acostumo ter moitas referencias e non só de carácter gráfico, tamén me inspiro na fotografía, por exemplo. En xeral nútrome de diversas áreas e etapas, como poden ser as vangardas ou a tatuaxe tradicional. Non podería dicir o nome dun artista concreto ao que considere referente.

Co seu último traballo, ‘A fiestra de Rosalía’, que obxectivo persegue?
É un proxecto impulsado polo Iescha e a área de Cultura da Diputación de Lugo co que pretendemos dar visibilidade á figura de Rosalía á vez que eu aporto o meu gran de area para o pobo, xa que en certa medida me escolleron pola miña vinculación con Vilalba. Ademais coincide co paso do Camiño de Santiago polo que serve para dinamizar esa contorna.

A pintura urbana é unha maneira beneficiosa de achegar a arte á xente de a pé

Como pode a pintura urbana dinamizar o noso patrimonio?
É unha maneira máis de achegar a arte á xente de a pé. Con esta modalidade vas camiñando un día pola rúa e atópaste coa pintura, o que acaba sendo un beneficio para os viandantes e para os lugares onde se pintan os murais. 

Neste caso os vilalbeses sinalaron como "espectacular" o seu traballo, que significa para vostede?
É un auténtico galano. É moi bonito ver que a recepción dun traballo teu é tan positiva e que lle gusta a tanta xente. E neste caso ao pintar en Vilalba é máis especial, aquí teño moita xente coñecida. 

Inflúen as raíces vilalbesas nos seus traballos?
Non moito, pero porque adoito coller referencias en cousas máis xerais e a influencia que podo ter non é concretamente dunha zona ou dunhas características específicas. 

E logo de finalizar este mural, cal é o próximo proxecto que ten entre mans?
Hai varios traballos pendentes de facer pero tampouco podo adiantar moito porque aínda estamos en trámites. Será case todo de cara ao verán que vén, porque as obras de gran tamaño é preciso facelas con climatoloxía favorable. A curto prazo teño en marcha proxectos máis de carácter particular e de cara a empresas máis pequenas. 

Comentarios