Pablo del Valle: "Hai que saír dos auditorios e achegar a música á rúa"

O percusionista vilalbés será o protagonista este venres, ás 20.30 horas na praza da Constitución, dunha das últimas actuacións do III Ciclo de Música na Praza. O seu é un dos concertos máis esperados, xa que a súa proposta de sons clásicos e electrónicos é das máis innovadoras

Pablo del Valle. M.M.

Que poderá escoitar a xente este venres, ás 20.30 horas, na Praza da Constitución?

É unha proposta novidosa. Tocarei varios instrumentos de percusión acompañado por música electrónica que foi procesada previamente por ordenador, e que sairá duns altofalantes.

É algo novidoso?

Si, non é moi fácil de ver fóra dos auditorios, aínda que cada vez está máis extendido. A idea é achegar a música clásica ás rúas e a todos os públicos, empregando como base sonoridades electrónicas. Moitas orquestras sinfónicas a nivel de Europa están incluíndo algunhas pezas deste estilo subindo djs ao escenario dentro dos seus programas. É realmente atractivo para o público.

Como é o proceso?

Hai electrónica en vivo, que se modifica no momento, e electrónica fixa. Eu utilizarei a segunda opción. É dicir, irei disparando sons que están distorsionados e modificados previamente no ordenador, e tocarei a percusión adaptándome a iso. En vivo tes máis liberdade, mentres que en fixo hai que ser máis preciso. Neste caso, ti tes todo controlado, pero tamén tes que ser máis rigoroso co que estás facendo.

Como empezou neste mundo?

No conservatorio —estudou o grao elemental en Vilalba, o medio rematouno en Lugo e o superior fíxoo na Coruña, onde recibiu matrícula de honra no exame final—, comentánronnos se nos apetecía probar algo con música electrónica. Habitualmente as obras no grao superior xa son moi complexas e se lle engades isto, complícanse aínda moito máis. Eu decidín probar, empecei a meterme pouco a pouco, gustoume, e creo que é unha maneira de chamar a atención do público que non está tan afeito á música clásica. Moitos din que o futuro dela pasa por mesturala con sons electrónicos e máis contemporáneos.

É o seu debut como solista?

Como concerto ou recital só, si. É a primeira vez. Aínda que non estou só, teño a base do ordenador (ri). Anteriormente teño colaborado con algunhas pezas dentro do Ciclo de Música Contemporánea de Lugo, pero elaborar un programa enteiro eu só non o fixera nunca.

De cantas pezas consta o programa do seu concerto no ciclo vilalbés?

A miña idea é que sexa dunhas seis ou sete, cunha duración de oito minutos cada unha, aproximadamente. Quero que sexa un concerto dinámico e didáctico. Explicareille á xente o que está escoitando para que sexa máis ameno. Ademais de sons sintetizados, nunha das composicións tamén inclúe fragmentos dun discurso de Martin Luther King.

E as pezas, de que autores son?

Adam Hooper, Thad Anderson, Francisco Pérez, Evan Chapman, María Mendoza e Uxío Domínguez, que é un rapaz compositor de Outeiro de Rei, sobriño neto de Xosé Castiñeira. Xa toquei unha peza del no ciclo de Lugo e agora escollín un dos movementos para interpretalo aquí en Vilalba.

Que instrumentos vai empregar durante o recital na rúa?

Multipercusión —conxunto de tambores—, vibráfono, caixa e marimba. Ademais, utilizarei tamén unhas pracas de ferro e unhas potas que teñen unha sonoridade peculiar que sorprenderá moito ao público.

Que opinión ten do Ciclo de Música na Praza? Son necesarias estas iniciativas para achegar a xente a novos sons?

Dende logo. Paréceme unha moi boa iniciativa para ofrecer unha programación variada no verán e, ademais, unha oportunidade para que a xente nova poida dar a coñecer un pouco do que fai. Hai que saír dos auditorios e achegar a música clásica a todos os públicos.

Leva media vida nas aulas de conservatorios e escolas de música. E aínda continúa, agora como docente.

Si, actualmente estou dando clase na Escola de Música de Vilalba (Esmuvi), en Burela e no conservatorio do Liceo La Paz da Coruña. Ademais, toco coa Banda de Música de Ferrol e na Orquestra Gaos da Coruña.

Pódese vivir da música?

Depende con quen fales (ri). Creo que todo é a vontade e as ganas que teñas. Eu tiven moita sorte, porque acabei de estudar en xuño e no mes de setembro xa estaba traballando. Ao mellor, se terminase un ano máis tarde non tería as oportunidades que tiven. Non me podo queixar.

Comentarios